CINEMA

A autopsia de Jane Doe

janedoe1

The Autopsy of Jane Doe

(Reino Unido 2016, 86 min.)

Dirección: André Ovredal

Guión: Ian Goldberg e Richard Naing

Fotografía: Roman Osin

Música: Danny Bensi e Saunder Jurriaans

Elenco: Emile Hirsch, Brian Cox, Olwen Kellly, Ophelia Lovibond, Michael McElhatton, Jane Perry, Parker Sawyers

SINOPSE

Na escena do crime dun asasinato múltiple aparece unha moza sen signos aparentes de violencia. A policía transporta o cadáver a unha funeraria local onde deberán determinar as posíbeis causas da morte. Teñen de prazo toda a noite...

CRÍTICA

Jane Doe, e a súa variante masculina John Doe, son os alcumes que utilizan os países anglosaxóns para denominar aquelas persoas das que se descoñece o nome, algo así como “fulaniño/a de tal”. É unha práctica común sobre todo no campo forense, mais tamén noutros ámbitos. No cinema podemos lembrar aquel clásico de Frank Capra protagonizado por Gary Cooper e Babara Stanwyck de título Meet John Doe (Xoán Ninguén) ou tamén, máis recente, o nome que asume para si mesmo o asasino de Seven (1995, David Fincher). Na Autopsia de Jane Doe a tal “Xoana Ninguén” é un cadáver atopado en estrañas circunstancias na escena do que semella un asasinato múltiple acontecido na casa dunha pequena vila. Carece de identificación, pegadas ou signos de violencia, así que o sheriff local leva o corpo á morgue Tilden, un pequeno depósito de cadáveres situado no soto dunha casa familiar onde traballan, e moran, os forenses: pai e fillo. Entre os dous deberán resolver as causas da morte, mais a autopsia comeza desvelar un misterio que deberán resolver antes do amencer. Brian Cox (O caso Bourne, Troia) e Emile Hirsch (Into de Wild, Prince Avalanche) interpretan a esta particular parella paterno-filial. O cadáver está interpretado pola modelo irlandesa Olwen Kelly que, para non moverse nadiña, inquieta bastante. Moito da tensión transmitida durante o filme débese a atmosfera que logra crear o noruegués André Ovredal responsábel, entre outras, da cult-movie Troll Hunter, un “metraxe atopado” ao estilo de Monstruoso que suple con altas doses de creatividade a falta de orzamento. Ademais de suspense na Autopsia de Jane Doe, obviamente, tamén ten autopsia, e é bastante realista, así que preparen os estómagos para unha boa ración de vísceras e diseccións. Certo é que non se recrea moito nestas escenas, nada máis o xusto para non botar o fígado, pero saiban que habelas, hainas... O filme pódese dividir en tres partes. A introdución de personaxes e de localizacións, a investigación propiamente dita e o desenlace. Paga a pena sobre todo nas dúas primeiras partes da fita nas que o suspense e a intriga por saber que acontece mantennos pegados á butaca. Na parte final, aínda que conta con algún que outro calafrío bastante logrado, cae excesivamente nos manidos tópicos de xénero diminuíndo moito o nivel apuntado no primeiro terzo, o que propiciou a descomposición con cheiro a carne de videoclube. Apenas durou un par de asaltos na billeteira. Con todo é moi recomendábel para quen gustara de series da corda de CSI, Bones ou Twilight Zone.

Comentarios