Aurora Marco protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Neste novo número do semanario falamos tamén de Uruguai, a 'Suíza' da América do Sur para as galegas e galegos, e da obra cinematográfica de Lois Patiño, entre outros moitos contidos culturais. Non o perdas!
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado, 25 de novembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta volta a protagonista é a escritora e investigadora Aurora Marco (Noguera de Albarracín, provincia de Teruel, 1948), que é entrevistada por Montse Fajardo. Marco abriu camiño na recuperación da memoria das mulleres galegas, tanto pioneiras como represaliadas polo franquismo.

O seu traballo permitiu coñecer mellor o papel delas na guerrilla ou nas Irmandades da Fala, e este ano que se conmemora o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG), deu a coñecer as biografías das súas socias, nomeadamente da que abriu camiño ao resto, Carmiña Serra. Desde este fondo compromiso coa memoria, Marco pide á Xunta da Galiza políticas que a amparen e unha maior presenza nas aulas.

Lois Patiño: camiño de perfección

A reportaxe de apertura deste Sermos corre a conta do crítico de cinema Martin Pawley, que analiza a terceira longametraxe do galego Lois Patiño, Samsara, cuxa estrea nas salas está axendada para o vindeiro 20 de decembro após levar o Premio Especial do Xurado na competencia "Encounters" do Festival de Berlín.

"Ao pensar con perspectiva a súa traxectoria, que se estende xa por quince anos, chego á conclusión de que, con independencia da súa calidade, ningún dos seus filmes foi prescindíbel, en canto a que todos eles serviron para introducir ensaios e variacións nun itinerario estético que sumou de maneira fértil intuición, estudo e traballo. Non habería hoxe Samsara se non houber antes Lúa Vermella e Costa da Morte, e esas dúas non existirían sen a primitiva exploración do espazo e o tempo nas series Paisaje Distancia e Paisaje Duración, sen pensar a paisaxe primeiro como un laboratorio baleiro que, a partir dun certo momento, comeza a dotarse de presenza humana", apunta Pawley.

Uruguai, o país das 40.000 galegas e galegos na 'Suíza' da América do Sur

Uruguai é un dos grandes descoñecidos da América do Sur, malia ser o destino de miles de galegos e galegas que emigraron no século pasado para buscar un futuro mellor. Ten unha limitación de espazo e unha escasa poboación, pero é un país rico no sector primario, moderno e cunha estabilidade económica e social que para si quererían moitos dos seus veciños. Agora trata de facerse un oco no apartado turístico. Diso fala Alejandro Minguez na segunda reportaxe do semanario.

"En Uruguai hai moi poucos indíxenas, coñecidos como charrúas, e a poboación actual, de case tres millóns e medio de persoas, é moi inferior ao número de cabezas de gando, que supera os once millóns, o que o converte no país con maior número de vacas por habitante do mundo. Os apelidos galegos están moi presentes na vida uruguaia, como é o caso de Alva Sueiras, experta en turismo e gastronomía e comunicadora de Radio Sarandí 690 en Montevideo, cuxa familia é orixinaria da provincia da Coruña, ou o divulgador micolóxico Alejandro Sequeira", precisa.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sanches Arins analizan na sección de Libros as novidades do sector, comezando por A inmoral doutora Cons, de Roberto Fernández Álvarez (Aira, 2023), e unha revisión de Feliz Feroz, o libro infantil do recentemente falecido Miguel López Hematocrítico (Xerais, 2018).

No apartado musical, Belém Tajes achéganos a Repion, da banda homónima, asícomo outras novidades, e César Morán asina o artigo 'O Texto do Hino galego: A urgência de recuperar o autência'. E o experto en cinema Andrés Castro fálanos da película de animación O soño da sultana, de Isabel Herguera (Galiza-Euskadi-Alemaña, 2023).

En 'Andar e ver’ percorremos a costa galega da man do colectivo Xea, e no apartado de Escena Manuel Xestoso analiza Antigona no Amazonas, de NT GENT e dirixida por Milo Rau.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios