Crítica de cinema das sextas feiras

Atómica

Pouco antes da caer o Muro de Berlín, a axente Lorraine Broughton debe atopar unha lista dun axente do MI6 que contén todos os nomes de espías que operan en Berlín Oriental.

atomica1 (1)

David Leitch, un dos creadores do filme de culto John Wick (xunto a Chad Stahelski), debuta en solitario coa adaptación da novela gráfica A cidade máis escura (de Antony Johnston e Sam Hart), baixo guión de Kurt Johnstad, o mesmiño que colaborou na adaptación do 300 de Frank Miller. Ambienta unha trama típica de espías en pleno Berlín xusto antes da caída do Muro, é dicir, en 1989; grandes éxitos da época (como 99 Luftballons, Fight the Power, Under Pressure ou London Calling), encárganse de recordalo.

A mellor axente do MI6, Lorraine Broughton (Charlize Theron), debe viaxar á capital alemá para recuperar un lista oculta nun microfilme que contén a relación de axentes dobres que operan na Alemaña do Leste. Percival (James McAvoy) é un axente infiltrado en Berlín Oriental encargado de contactar e axudar a que Lorraine recupere a lista. A KGB, a intelixencia francesa, a Stasi e incluso a CIA andan metidas no allo e sábeno, así que, como ninguén semella ser o que parece, poñen en marcha o pertinente xogo de escoitas mutuas, medias verdades, seducións interesadas e colaboracións condicionadas.

Un filme de espionaxe cheo de acción, intriga e escenas trepidantes nas que Leitch afianza o particular estilo e ritmo amosado en John Wick: luces de neon, filtros de luz e acción visceral en arriscadas secuencias de perfecta coreografía realizadas á maneira artesanal. Aquí, en concreto, destaca unha pelexa entre os relanzos dun edificio, realizada coma se fora un só plano secuencia pola que xa paga a pena todo o filme. Impresionante. Tampouco queda atrás a da persecución de coches. Auguro unha indicación a Óscar a Mellor Montaxe.

Charlize Theron, en plena forma, tamén fai unha das súas mellores interpretacións físicas nun rol definido como “Nikita dentro dunha historia de John Le Carré”. En cambio James McAvoy, aínda que cumpre, está tan sobreactuado coma de costume. Completan o reparto John Goodman (O gran Lebowski), Toby Jones (Berberian Sound Studio), Sofía Boutella (A momia) e un sublime Eddie Marsan (Still Life) ao que tamén lle auguro unha indicación a Óscar, aquí a Mellor Actor de Reparto.

Leitch non agocha en ningún momento a súa cinefilia e predilección aos grandes coma Orson Welles, Alfred Hitchcock ou Andrei Tarkovsky, e así o demostra en diferentes secuencias. Coñecendo que vai ser o próximo responsábel da secuela de Deadpool póñenseme os dentes cairos...

Atómica é cinema sen pretensións, realizado a vella usanza e coa dose xusta de carga dramática para gozar de principio a fin sen pestanexar. Dos poucos inconvenientes a resaltar chama a atención que se contan ata tres finais, nun momento dado da a sensación que remata pero non. Unha nimiedade se o comparamos coa sensacional escena dos relanzos... 

Atomic Blonde

(Alemania-EUA-Suecia 2017, 115 min.)

Dirección: David Leitch

Guión: Kurt Kohnstad

Fotografía: Jonathan Sela

Música: Tyler Bates

Elenco: Charlize Theron, James McAvoy, Sofia Boutella, Eddie Marsan, John Goodman, Toby Jones, Rolland Moller, Bill Skarsgard, Sam Hargrave, Til Schweiger

Comentarios