ANXO LOUZAO

"Os ataques ao ensino público son constantes"

Nesta terza feira o sindicalista Anxo Louzao, quen acaba de entregar o relevo a Suso Bermello após 16 anos de exitosa xestión ao fronte da CIG ensino, é quen toma a palabra en #VenhanMais5.

Anxo Louzao, Secretario Xeral CIG-Ensino
photo_camera Anxo Louzao

-Como avalías o estado actual do ensino galego?

-A situación do ensino na Galiza e máis que preocupante, con múltiples carencias e necesidades sen atender, un ensino mercantilizado, selectivo e españolizado, carente dun proxecto educativo galego e nas mans dun goberno submiso aos mandatos de Madrid e entregado aos intereses do ensino privado concertado e desprezativo co profesorado e co noso idioma.

Así o confirman os indicadores máis relevantes á hora de considerar a calidade dun servizo público esencial  como é o ensino. O PP aproveitou a crise económica para iniciar un proceso de deterioro e de recortes permanentes no ensino público que comportaron redución de profesorado, masificación das aulas, supresión das unidades no ensino público, escolarización deficitaria do alumnando con necesidades específicas de apoio educativo, falta de prazas no ensino público, despreocupación da atención á diversidade etc. Os ataques ao ensino público son constantes mentres se potencia e se derivan miles de millóns de euros ao ensino concertado. Nos últimos cinco anos a Xunta concertou 243 novas unidades mentres pecharon 55 escolas e suprimiron 441 unidades no ensino público.  Desde o ano 2009 o diñeiro destinado aos concertos educativos acrecentouse en 69%. A Consellaría non ten límites para beneficiar, promover e potenciar a privatización do ensino, subvencionando na súa totalidade centros que segregan alumnado por razón de xénero.  

Cada ano destínanse perto de 250 millóns de euros a soster concertos educativos que na súa maioría están sustentados en idearios retrógrados, sexistas e antigalegos. Son constantes as actuacións e decisións que arrebataron numerosos dereitos laborais e profesionais e reduciron os salarios do profesorado. Sufrimos as consecuencias da imposición da LOMCE. Unha lei letal para o ensino público galego, alicerzada nos principios do neoliberalismo, reaccionaria, privatizadora, elitista, confesional e segregadora, pensada para españolizar e centralizar aínda máis o sistema educativo. Os recortes, a LOMCE e o caos da súa aplicación tiveron como resposta múltiples e permanentes mobilizacións. Cabe destacar nesta loita o papel relevante da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, as 9 folgas levadas a cabo no ensino público e o boicot á realización das reválidas de 3º e 6º de primaria que foi determinante para que o Goberno central recuase na súa intención de estabelecer as reválidas. 

O asañamento contra a nosa lingua levou o PP a impor o Decreto de plurilingüismo que non só prohibe impartir en galego a materia de Física e Química e Tecnoloxía e reducir á mínima expresión o ensino en galego na educación infantil nas cidades e vilas, senón que hoxe as aulas que se imparten en lingua galega non superan 15% do total. Esta actitude activa contra o galego vese reforzada coa aplicación da LOMCE, xa que pasa a ter unha presenza na educación secundaria obrigatoria de 13 horas menos que o castelán na modalidade das ensinanzas aplicadas e de 10 menos nas académicas. 

Hoxe o dereito á educación e, por tanto, á súa gratuidade non existe, foi substituído polo dereito á escolarización

Hoxe o dereito á educación e, por tanto, á súa gratuidade non existe, foi substituído polo dereito á escolarización. As familias teñen que facer fronte a numerosos gastos dos que a administración se desentendeu (libros de texto, material escolar, servizos complementarios, actividades extraescolares, reforzo escolar, etc), o que supón que cada vez máis a escola reforce, en lugar de mitigar, as diferenzas sociais e non garanta a igualdade de oportunidades.  

-Que evolución agardas no ensino galego a cinco anos vista?

-Tendo en conta a actual maioría absoluta do Partido Popular e a súa disposición a continuar coa nefasta política educativa aplicada nestes anos, é difícil albiscar un futuro inmediato con optimismo. Todo indica que nin sequera se van restituír os dereitos arrebatados ao profesorado nin se van atender as necesidades máis urxentes e perentorias que ten o ensino público. Pola contra, se temos en conta que veñen de comprometer 1.550 millóns de euros para os próximos seis anos ao ensino concertado, a privatización do ensino seguirá avanzando. Tamén continuará acrecentándose a exclusión da lingua galega, ao non estaren dispostos a derrogar o Decreto de plurilingüismo para fixar outro marco legal que camiñe cara á vehiculación do ensino en galego. 

Estamos seguros de que as reválidas da LOMCE xa teñen acta de defunción, mais a pretensión de acadar un  “pacto pola educación” non é outra que maquillar a devandita lei a fin de facela máis presentábel socialmente e non elaborar outra lei de educación sustentada en principios totalmente contrapostos. 

Valoro positivamente o traballo do Sermos, moito máis tendo en conta o contexto adverso

Con vontade e mobilización, como se puido comprobar coa loita contra as reválidas, é posíbel mudar o rumbo que teñen marcado para os próximos anos e acadar unha lei galega de educación para camiñar cara un ensino galeguizado, vehiculizado no noso idioma, gratuíto, laico, coeducativo e inclusivo. 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Valoro positivamente o traballo do Sermos, moito máis tendo en conta o contexto adverso, as dificultades e os atrancos que supón pór a andar un medio en galego e centrado en Galiza e nos seus intereses. Agora sería necesario que Sermos ampliase a súa proxección social e se convertese nun diario dixital de lectura imprescindíbel para todas as persoas que busquen unha información veraz e crítica, desde unha perspectiva galega, de todo o que acontece na Galiza e do máis relevante do Estado e do ámbito internacional. Sen desmerecer o papel que está a cumprir, posibelmente debería intensificar o tratamento dos temas máis relevantes da actualidade e os relacionados co reforzamento da identidade colectiva  e con todo o que nos conforma como galegos e galegas, sen renunciar a que nun futuro a versión en papel pase de ser semanal a diaria.  

Comentarios