A asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega conmemora o Día de Rosalía

A AELG realiza unha ofrenda floral e a lectura do seu manifesto anual no Panteón de Galegos Ilustres.
Ofrenda floral da AEGL realizada hoxe no Panteón dos Galegos Iluestres
photo_camera Ofrenda floral da AELG realizada hoxe no Panteón de Galegos Ilustres. (Foto: AELG)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro. A institución levou a cabo un acto no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela con aforo limitado, debido as restricións sanitarias, no que se realizou unha ofenda floral e a lectura do seu manifesto anual realizado por Anna R. Figueiredo.

Desde 2011 a AELG busca institucionalizar o Día de Rosalía de Castro como “unha xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar cun libro en galego e cunha flor nese día”.

Tralo saúdo do presidente da institución, Cesáreo Sánchez Iglesias, leuse o manifesto feito por Figueiredo, no que se escoitaron frases como “(...) déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar”.

“Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar”, concluía o manifesto.

Alén, levouse a cabo a lectura dunha serie de poemas de Rosalía de Castro nas voces de: Andrea Barreira Freije, Antía Yáñez Rodríguez, Arancha Nogueira, Jesús M. Calvo Rozas (Asociación Traxe Galego) ,María Carme Guitián (Asociación Traxe Galego), Miguel López Fariña (Agrupación Cultural e Musical Solfa), Pilar Reino Agrupación Cultural e Musical Solfa), Xerardo Rodríguez Roca (Agrupación Cultural e Musical Solfa) e Xosé Dios Diz Agrupación Cultural e Musical Solfa).

Esta iniciativa da AELG contou co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración da Asociación Galega do Traxe e a Agrupación Cultural e Musical Solfa.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios