Artesanía, cultura e reivindicación do rural. Todo preparado en Muras para a Romaxe Artesá da Chaira

A romaxe comezará ás 11 horas deste sábado coa apertura da feira e desde esa hora haberá diferentes charlas e obradoiros sobre artesanía galega.
Un obradoira da Romaxe artesá da Chaira (Foto: Concello de Muras).
photo_camera Un obradoira da Romaxe artesá da Chaira (Foto: Concello de Muras).

Este sábado 27 de maio o concello de Muras acolle a xa súa tradicional Romaxe Artesá da Chaira. O comezo desta feira foi no ano 2016 e dado o éxito que tivo, desde aquel entón celébrase cada ano e xa é unha data especial para marcar no calendario.

“O Concello de Muras está comprometido coa nosa terra e a nosa xente polo que reivindicamos as oportunidades que achega a vida no rural. E máis cando se fai de xeito sostible. Por iso decidimos colaborar coa Asociación Obradoiros Artesáns da Terra Cha para crear a Romaxe Artesá da Chaira”, indican desde o Concello muresán.

Trátase dun espazo pensado para adultos e nenos. Un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de como se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios.

Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostíbel chaman a atención de moitos e moitas para ouvir de primeira man experiencias que funcionan.

Pódese tirar bo proveito dunha longa xornada de primavera tanto á mañá como á tarde para ver, tocar, mercar, preguntar e aprender. E nun dos lugares máis bonitos de Muras: a fraga de A Veiga, á beira do río Eume cando pasa pola vila, rodeados de árbores e coa boa compañía da xente do corazón do Xistral.

Pór o rural en valor

A concelleira de Cultura do Concello de Muras, Cristina Franco, atendeu Nós Diario para tratar a celebración desta feira e que se espera desta sétima edición.

“Imos traer artesanía de toda a Galiza e moitas demostracións de artesanía, dos oficios tradicionais para pór en valor o noso legado”, indica Franco.

Esta romaxe é unha oportunidade marabillosa para pór en valor o rural galego. A este respecto Franco salienta que “isto tamén se trata de dignificar o noso rural e a cultura galega. É moi importante que se fagan estas cousas no rural para darlle visibilidade e facer ver todo o que precisa”.

Para alén diso, Franco asegura que “no rural temos menos servizos que na cidade e este tipo de celebracións serven para facelo ver. Hai moito de reivindicación na romaxe”.

Programación

A romaxe comezará ás 11 horas deste sábado coa apertura da feira e desde esa hora haberá diferentes charlas e obradoiros sobre artesanía galega.

A música tamén tomará un papel primordial na romaxe xa que se poderán gozar as actuacións de Louband, Caamaño & Ameixeiras e Luar na Lubre.

Comentarios