aRi[t]mar distingue o 'Município de Braga' co premio á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2025

Braga destaca pola programación de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza na lusofonía.
Vista da cidade de Braga desde a igrexa do Bom Jesus. (Foto: Nikolai Sorokin)
Vista da cidade de Braga desde a igrexa do Bom Jesus. (Foto: Nikolai Sorokin)

O xurado do proxecto aRi[t]mar Galiza e Portugal, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, vén de atribuír o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2025 ao 'Município de Braga', en recoñecemento á súa destacada traxectoria de promoción do diálogo cultural entre Galiza e Portugal e de fortalecemento dos vínculos dentro do espazo común da lusofonía.

Este galardón, que se fai público na véspera do simbólico 25 de abril portugués, destaca cada ano a contribución de persoas, entidades ou institucións que traballan activamente por aproximar a Galiza do mundo lusófono e viceversa, defendendo a cultura e a lingua como elementos de unión e identidade partillada.

O xurado subliñou o papel do municipio de Braga, irmandado co de Santiago de Compostela desde o ano 2022, como un "verdadeiro referente no norte de Portugal no impulso á cooperación cultural e institucional coa Galiza". Entre os méritos destacados encóntranse o apoio activo a eventos galego-lusófonos de referencia, como o Festival Convergências Portugal-Galiza, que promove o encontro de artistas e creadores galegos e portugueses nunha programación que celebra as conexións musicais e literarias, ou o Festival Castro Galaico, centrado na memoria e cultura partilladas do mundo galaico-portugués, coa participación habitual de colectivos galegos.

Capital da cultura

Braga, Capital Portuguesa da Cultura neste ano 2025, acolle múltiples eventos culturais con presenza galega, exposicións, encontros literarios, concertos e presentacións editoriais que contan co apoio directo do goberno municipal, consolidando a cidade como un espazo acolledor e integrador da cultura galega no seo da lusofonía.

Destácase igualmente a súa colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, situado na cidade, e co tecido asociativo e cultural que fomenta a interrelación permanente entre ambas as marxes do Miño.

Igualmente, o município acolleu oficialmente, coa presenza do Presidente da Câmara Municipal de Braga, a constitución oficial da Rede da GaliLusofonia en 2018, formada na actualidade por máis de 30 entidades, entre elas aRi[t]mar Galiza e Portugal, cos obxectivos de "unir esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a lusofonía, con grande potencial noutros campos como o económico e o institucional".

Con este premio, o proxecto aRi[t]mar pretende "recoñecer e agradecer o firme compromiso do 'Município de Braga' coa construción de pontes culturais, sociais e institucionais entre Galiza e Portugal, entendendo que ese traballo é esencial para a reinserción da cultura galega no seu espazo natural da lusofonía".

A entrega do galardón terá lugar na Gala aRi[t]mar 2025, que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de outubro, nun evento que reunirá artistas, poetas, representantes institucionais e figuras destacadas da cultura galega e portuguesa.

Comentarios