"Quererse ben", de Mondra, premio á Mellor Música do Ano 2024 na Galiza

A canción "Amor de Ferro", de Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa foi escollida polo público como a mellor canción de 2024 en Portugal.
Mondra di que "sorprenderá" o mundo musical co novo disco. (Foto: Zeltia Iglesias)
Mondra di que "sorprenderá" o mundo musical co novo disco. (Foto: Zeltia Iglesias)

Con máis de 6.000 votos emitidos, fechouse xa o proceso de votación mediante o cal o público do certame aRi[t]mar escolleu cales foron as Mellores Músicas do pasado 2024 na Galiza e en Portugal.

"Quererse ben", de Mondra, é a mellor canción do ano 2024 na Galiza para o público que nas últimas semanas participou na votación convidado por aRi[t]mar. O artista, natural da parroquia de Recesende, no concello de Teo (comarca de Compostela), "é unha das frontes de batalla dunha das fusións musicais que con máis tino se veñen dando no panorama musical galego dos últimos anos: a da música tradicional e estilos contemporáneos coma a electrónica", destacan desde a organización do certame.

Porén, afirman, non é suficiente con esta suma de factores para definir o que supón un autor, músico, cantante e bailador "que tamén brilla polo seu carácter reivindicativo, transgresor e ligado á defensa da súa identidade, falemos de galeguismo, da sexualidade disidente ou da Galiza rural".

Mondra é "un enorme representante" do que a canción galega significa neste ano 2025, un éxito que o público do aRi[t]mar recoñece agora outorgándolle o Premio á Mellor Música do 2024 por unha canción, "Quererse Ben", que aínda escapando da raíz, que si representa parte do traballo do teense, "compón un bo exemplo dunha das diversas sonoridades que acada o artista, trazando neste caso unha balada que fala do xeito de expresar o amor e os afectos".

A mellor música en Portugal

Polo que se refire ás músicas máis destacadas en territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do 2024 en Portugal é "Amor de Ferro", do algarvío Diogo Piçarra e o portuense Pedro Abrunhosa. O tema supón "a colaboración de dous xigantes da música contemporánea de Portugal, aínda que pertencentes a diferentes xeracións de autores".

A canción, escrita por ambos os dous, mais composta por Diogo Piçarra, amosa o estilo deste último cun pop moderno que reúne texturas electrónicas e outras máis orgánicas, coma as do piano e a guitarra. "A dozura do timbre de Piçarra contrasta coa gravidade de Abrunhosa na expresión, dura e dramática, dun amor que foi cousa de dúas e agora xa só parece vivir nunha metade da laranxa", salientan desde aRi[t]mar.

Gala aRi[t]mar

Tanto Mondra como Piçarra, que ademais do premio comparten "o amor" como tema vertebrador das cancións vencedoras, recollerán o premio e actuarán na gala aRi[t]mar 2025, que terá lugar no mes de outubro en Santiago de Compostela, patrocinada pola Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela, o Instituto Camões e o Interreg España-Portugal a través do AECT Galiza-Norte de Portugal.

Os artistas que completan o podio foron, na Galiza, Baiuca, con "Barullo", en colaboración con Felisa Segade; e Hugo Guezeta, con" O Noso Tempo". En Portugal, as cancións situadas no segundo e terceiro posto foron "Menina Estás á Janela", de D.A.M.A. en colaboración con Vitorino, Buba Espinho e Bandidos do Cantey, e "Deixou-me a mala no comboio", de Bárbara Tinoco en colaboración con Rosinha.

Comentarios