Braga25 presentou o programa do segundo trimestre de actividades
Onte deuse a coñecer o programa do segundo trimestre de Braga 25 Capital da Cultura Portuguesa, no que destaca a atención prestada ás artes escénicas. A coreógrafa estadounidense Alisson Orr dirixirá unha performance, cuxos protagonistas son os traballadores da recollida do lixo, para chamar a atención sobre un labor fundamental e invisíbel. Será o comezo da Celebración do Desexo, entre o 10 e o 14 de xuño, un festival que se cuestiona quen produce e quen consome arte.
Ademais, o día 2, no marco do aniversario de Theatro Circo, Raquel S. e a compañía Noitarder presentan Hei-de reparar, unha peza que parte da vida de actrices portuguesas; do 6 ao 9 de maio, Braga acolle as primeiras presentacións de Sexual Theatre - Feminist Readings of Classics, na que catro países (Portugal, Francia, Bosnia e Hercegovina e Montenegro), desenvolven unha reinterpretación feminista dos clásicos das súas literaturas. E o 9 de maio, Sara Barros Leitão revisita Monólogo de uma mulher chamada Maria, en formato de lectura escenificada.
O Festival de Arquitectura e Arte Forma da Vizinhança comeza o 31 de maio, coa presenza de oito arquitectos -entre eles o galego Manuel Bouzas, un dos responsábeis da representación española na Bienal de Arquitectura de Venecia- que deseñan instalacións arquitectónicas temporais para espazos periféricos da cidade.
Nas artes plásticas destaca a exposición Somos Todos Capitães, que celebra o 50º aniversario do 25 de abril desde a perspectiva da arte contemporánea. Ademais, dentro do programa Novos ecos dunha paisaxe sonora, na medianoite do sábado da Semana Santa, o carillón da Catedral acollerá un espectáculo que fará eco polas rúas da cidade.

