Arcos de Valdevez recibe a 'Nación' de Margarita Ledo

O filme da directora galega será proxectado na primeira xornada do 'Ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade'. Este evento terá lugar do 14 ao 16 de outubro na localidade lusa, onde se darán cita diferentes creadoras para falar das súas experiencias. O obxectivo é analizar o papel das "mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade"
A actriz Mónica Caamaño non fotograma do filme 'Nación'. (Foto: Nós Diario) #nación #cinema #margaritaledo #arcosdevaldevez
photo_camera A actriz Mónica Caamaño nun fotograma do filme 'Nación'. (Foto: Nós Diario)

O filme Nación de Margarita Ledo será o encargado de inaugurar, esta quinta feira 14 de outubro, a terceira edición do 'Ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade'. O evento, que terá lugar na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez, ten como principais obxectivos analizar e debater sobre o papel que xogan as "mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade". 

As xornadas principian coa proxección do proxecto audiovisual de Margarita Ledo, considerado un “relato combativo e poético dunha loita inconclusa, a das mulleres da fábrica de cerámica de Pontesa”, que recibiu numerosos recoñecementos desde que se proxectou. 

Na mesma sesión, presentarase a curtametraxe Mulheres em quarentena (obra de Bárbara Tavares) que alude á relación de dúas mulleres de Lisboa e Brasília que comparten vivenda con fillos debido á crise sanitaria da Covid-19.  

A posteriori, as realizadoras participarán nun debate co público que tamén contará coa presenza do director da Rede Casas do Conhecimento da UMinho, José Gabriel Andrade, e a creadora galega Sara Traba.

Na inauguración desta iniciativa que naceu en 2018, participarán a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o presidente do municipio, João Manuel Esteves; e a vicereitora da Universidade do Minho, Manuela Martins. De feito, as entidades promotoras deste proxecto cultural son a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG e a Universidade do Minho.

Propostas por descubrir

Após descubrir a achega audiovisual de Ledo, na sexta feira decorrerá un pase da curtametraxe experimental Ganas, dirixida polas estudantes de Ciências da Comunicação da UMinho, Maria da Fonseca e Rafaela Gomes.

Tamén estará na pantalla grande o documental de Carlos Eduardo Viana que leva por título Das arquitecturas tradicionais

Este ciclo finaliza o sábado 16 da man doutra produción galega, Ons de Alfonso Zarauza, “que entretece un relato topográfico que explora os vínculos que existen entre as emocións e os lugares que habitamos”. Na mesma xornada poderá gozarse de Lume na auga, de Ana Lois.

Comentarios