Arancha Nogueira, gañadora do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo

Con 'Antese', que será publicada por Galaxia.
A investigadora e escritora Arancha Nogueira. (Foto: Xerais).
photo_camera A investigadora e escritora Arancha Nogueira. (Foto: Xerais).

O XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia,vai para Arancha Nogueira por Antese. A gañadora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros e unha escultura de Fino Lorenzo. Ademais, a editorial Galaxia publicará a obra gañadora.

O xurado valora que se trata dunha obra de diálogo interxeracional construída sobre unha forma actual que combina levidade e fondura, na que se atopa unha voz perfilada e madura capaz de sintetizar dunha forma accesible situacións e sentimentos tremendamente complexos. No poemario destaca, dende a propia elección do título, o uso experto da lingua, así como da natureza cativa dun xardín como ferramenta e testemuña da liberación da alma humana a través da poesía. Saliéntase tamén a unidade temática, o ton sutil e reivindicativo do libro e a patente depuración de cada un dos versos usados, que medran en capacidade evocadora segundo se avanza na lectura.

Asemade, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Fío, O círculos incompletos, Funámbula na fronteira, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2022, nunha data aínda por confirmar, pero que será arredor do día 13, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, durante os meses e xaneiro e febreiro de 2022, a gañadora impartirá un obradoiro presencial de poesía en Gondomar para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.

Arancha Nogueira (Ourense, 1989), é Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago, cun mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural e outro de Educación. Viviu en Madrid, Porto, Sevilla, Belfast e Santiago de Compostela e, por suposto, Ourense.

A súa obra poética foi recoñecida con diversos premios ao longo dos últimos anos, como o Francisco Añón de Outes en 2013, o premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016, o Mazarelos da Universidade de Santiago de Compostela en 2017 e 2018 ou, en 2019, o Johán Carballeira do concello de Bueu. Como poeta ten publicado Andar descalza, gañador do Francisco Añón en 2013, o único lugar onde ficar inmóbil coa editora Urutau, spleen en catro tempos con Toxosoutos, a comparsa e os ourizos con Leite Edicións, #hashtags para un espazo/confinamento agónico con Edicións Positivas e dente de leite, gañador do Johán Carballeira, con Xerais, en 2020. Recentemente estreouse tamén como narradora coa obra A mestra corremundos, dirixida ao público infantil e xuvenil, e publicada por Cuarto de inverno.

Comentarios