Aquí tamén se fala obtén o recoñecemento do Forum Europeo

O recoñecemento únese aos galardóns 'Mil Primaveras' que entrega a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e ao Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.
Equipo de Aquí tamén se fala (Foto: Aquí tamén se fala).
photo_camera Equipo de Aquí tamén se fala (Foto: Aquí tamén se fala).

A campaña da mocidade estudantil galega Aquí tamén se fala obtén o recoñecemento de FEAE (Forum Europeo) á innovación educativa, que se suma aos galardóns 'Mil Primaveras' que entrega a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e ao Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

Este novo galardón chega da man de FEAE, unha asociación non gobernamental que traballa no ámbito da educación de varios Estados de Europa, fundamentalmente en aspectos relacionados coa administración e a xestión educativas.

Fundada en París en 1976, conta con sección galega (Forum Europeo Galiza) desde o ano 1991 e máis de vinte Estados con delegación propia. A entrega do Premio será no 26 de xuño no salón de Plenos do Concello da Coruña as 17:30 horas.

A iniciativa premiada agora por este organismo naceu dentro das aulas dun instituto coruñés, o IES Rafael Dieste, baixo a coordinación por Arcadio González Nóvoa e Alberto Pombo Añón.

Unha iniciativa con pegada

Durante a súa historia conseguiu ilusionar e envolver máis de 200 centros educativos, 25.000 estudantes e 50.000 espazos, así como aos principais clubs do deporte profesional galego e referentes musicais e culturais internacionais.

Ao tempo, Aquí tamén se fala é un proxecto educativo no que o alumnado se forma na comunicación audiovisual e no traballo en redes sociais.

Comentarios