Anxos Fazáns roda a súa segunda longametraxe entre Marín e Vigo
A directora Anxos Fazáns está rodando estes días entre Marín e Vigo a súa segunda longametraxe, As liñas descontinuas.
As liñas descontinuas é a segunda longa de Anxos Fazáns tras o seu debut en 2017 con A estación violenta, unha adaptación libre da novela homónima de Manuel Jabois, con guión da propia Anxos Fazáns, xunto con Daniel Froiz, Ángel Santos e Xacobe Casas.
Neste novo traballo, parte dunha noticia que atopou nun xornal para contar o encontro entre Bea, unha produtora musical de 50 anos que atravesa un momento de crise persoal, e Denís, un mozo que, a pesar de ter estudiado unha carreira, loita contra a precariedade e a falta de oportunidades.
Mara Sánchez, actriz cunha sólida carreira tanto no audiovisual como nos escenarios teatrais galegos, xunto co debutante Adam Prieto interpretan a parella protagonista desta fita, na que se abordan temáticas sociais, contemporáneas e urbanas, que conectan con varias xeracións.
No novo filme de Fazáns destaca tamén o seu universo sonoro, a partir de bandas galegas con proxección estatal, como Triángulo de Amor Bizarro e The Rapants, e de artistas sonoras como Pálida e Russ.
A compañía Sétima está á fronte deste novo título da realizadora marinense. A produtora, encabezada por Silvia Fuentes e a propia Anxos Fazáns, leva a cabo este traballo xunto a Sideral e conta tamén co apoio de Televisión de Galicia, entre outras entidades. Ademais, vén avalada pola súa selección nos laboratorios de guión Sources 2, La Incubadora de ECAM ou o campus de verán da Academia de Cine.

