AVANCE | 'Prefiro condenarme', o novo filme de Margarita Ledo

A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.

Esta é a sinopse de Prefiro condenarme, o novo filme de Margarita Ledo que se estreará no Estado español o 22 de novembro. Ademais, do 8, o 9 e o 11 de novembro, esta película poderá verse en exclusiva no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

Despois da magnífica Nación, Ledo volve pór as mulleres no centro e retrata o desexo da desobediencia civil, con Sagrario Ribela Fra, Nardo Beceiro Ribela, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo entre o reparto.

Comentarios