Análise

Aneis e dragóns

O final do verán veu acompañado de novas series televisivas ambientadas nas dúas sagas máis relevantes diso que se deu en chamar fantasía épica.
Obras de Tolkien en edición portuguesa. (Foto: Patricia Oliveira)
photo_camera Obras de Tolkien en edición portuguesa. (Foto: Patricia Oliveira)

John R.R. Tolkien e George R.R. Martin son autores moi diferentes de dúas xeracións distintas, pero ambos poden compartir o mérito de traer un xénero inesperado á primeira liña da cultura popular. Algo para o que tivo que ser necesaria certa comprensión do seu momento histórico. Os seus mundos fantásticos de tons épicos teñen características que aluden a un pasado remoto ou alternativo, pero tamén rompen de distintas formas coa figura do heroe clásico para dar protagonismo ao inesperado e marxinalizado.

Se o escritor norteamericano aínda segue a desenvolver a súa longa serie, que de certo contradicirá a adaptación audiovisual de hai uns anos, a obra de Tolkien, falecido en 1973, foi xa adaptada e revisada en varias ocasións. Nestes anos tamén houbo tempo para analizar, polo dereito e polo revés todas as posibilidades de vinculación do autor coa Galiza.

Un dicionario e o fondo dun pub

Tolkien odiaba a maioría das interpretacións da súa obra, tanto as que lle procuraban un sentido histórico e político como as que trataban de identificar as paisaxes e lugares nos que se inspirara. De feito, algunhas veces dixo que o seu impulso creativo era dar soporte á súa verdadeira afección de inventar linguas. Cunha perspectiva filolóxica estraña nun escritor de ficción, Tolkien precisaba pobos e sociedades que falasen as distintas linguas que a súa imaxinación ía creando cun detalle que aínda hoxe resulta abraiante.

Idiomas que se relacionaban entre eles, que evoluían e que se dividían en codialectos dando lugar a familias lingüísticas que só existían na súa imaxinación. Dalgunha maneira, detrás de todo o seu mundo ficcional estivo sempre o profesor de Filoloxía, a persoa que estudaba outros idiomas con fascinación e que mostraba a súa predilección por linguas como o grego ou o galés. Pódese argumentar que estas dúas son, xunto co finlandés, pezas na creación do quenya ou alto élfico, unha lingua portentosa falada por seres máxicos.

Non resulta estraño, por tanto, que nos fondos da biblioteca que o autor doou á Universidade de Oxford aparecese un exemplar do Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares, un feito que acendeu por un tempo a imaxinación tolkeniana polas nosas terras. Non hai, porén, máis indicio de que Tolkien, que falaba castelán e tiña vínculos en Andalucía, soubese nunca da existencia deste noroeste que tantas persoas quixeron atopar na súa obra.

O dicionario é unha anécdota entrañábel ao que poden sumarse outras: que Méndez Ferrín frecuentase en Oxford o mesmo pub no que Tolkien se reunía con C.S. Lewis e outros autores. O ourensán non soubo até moitos anos despois quen eran eses señores que sentaban todos xuntos a beber, así que a anécdota non puido derivar en nada máis substancioso. Cunqueiro tamén foi comparado ocasionalmente con Tolkien por unha crítica que trataba de buscar un contexto máis amplo a unha literatura tan imaxinativa como enraizada no pasado conxunto dos pobos europeos. Con todo, a distancia entre ambos é inmensa, aínda que se pode defender que tocasen algúns elementos comúns.

As linguas

Salvo que o futuro nos depare unha descuberta sorprendente, a relación de Tolkien coa cultura galega seguirá a ternos como únicos interlocutores, ansiosos ante calquera indicio de que o escritor coñecía a nosa existencia e sobredimensionando as anécdotas que poden testemuñalo. O autor, que atesouraba as traducións da súa obra a outras linguas, gardaría sen dúbida tamén un exemplar da primeira tradución ao galego.

Non puido facelo en vida xa que o público galego agardou até o 2001, o mesmo ano da estrea do primeiro filme da triloxía dirixida por Peter Jackson para gozar dunha versión propia da triloxía. Aínda hoxe, adaptacións como a que se estreará a comezos de setembro nunha coñecida plataforma dixital seguen ignorando, en subtítulos e dobraxe, grande parte da riqueza das linguas europeas, as mesmas ás que Tolkien dedicou a súa vida e que foron a semente de todas as súas historias.

Comentarios