Contracultura

Andrea Barreira: "Todo o mundo é capaz de aprender a coidar"

Andrea Barreira (A Fonsagrada, 1986) vén de ser galardoada co Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade grazas á súa obra 'Quen precisa unha avoa?'. Barreira aborda os coidados e as necesidades de crianzas e maiores, mais tamén as esixencias que a sociedade pon sobre elas.
A escritora Andrea Barreira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora Andrea Barreira. (Foto: Nós Diario)

-Cal foi o punto de partida que a levou a escribir esta obra?
Hai uns anos eu estaba bloqueada á hora de escribir e necesitei centrarme en facelo para min, por divertirme. Volver a por que escribía eu. Había pouco que me convidaran desde Galaxia a participar nunha obra, O libro dos libros, e fixen un relato a modo de homenaxe tanto a escritoras como a amigas e persoas ás que admiro. Unha das personaxes dese libro era unha escritora de literatura infantil e xuvenil e un dos seus libros trataba dunha nena que secuestraba avoas. Pensei que sería moi divertido escribir unha historia así. É o que dicía ao comezo: quería facer algo que me divertira.

-Aínda con este ton cómico, a obra fala precisamente da necesidade de manter as relacións interxeracionais.
Exacto. Realmente este libro está dedicado tanto ás crianzas como ás persoas vellas. Sempre parece que hai un conflito interxeracional e eu creo que non é tal. Non o é no sentido de que hai máis prexuízo do que é en realidade. Como as crianzas e as persoas vellas están nos dous extremos da vida, as persoas adultas que estamos no medio deixamos de velas. Nunca temos tempo, parece que sempre molestan, e non é así. Son persoas que tamén teñen algo que dicir e que teñen unha capacidade para entenderse e de entender o mundo moito mellor incluso do que o facemos nós. O que ocorre é que non prestamos a suficiente atención. 

-Quizais porque o sistema pon no centro as persoas traballadoras.
Si, mais tamén é curioso porque as persoas vellas foron traballadoras e merecen ese respecto, atención e coidados que nos deron a nós. Isto non vai de ser bos ou malos, é coidarnos a nós como sociedade nas distintas etapas da nosa vida. Ultimamente tamén teño moito a sensación de que lles esiximos ás persoas menores de 18 anos moitas cousas que nós non somos quen de facer. Non sei se é porque intentamos solucionar os nosos problemas ou carencias a partir doutras xeracións ou por culpabilizar as xeracións anteriores da nosa situación, pero é algo que me dá moita pena. Ao non pensar en como coidar unhas xeracións doutras, interxeracionalmente falando, estamos perdendo oportunidades. 

-Cre que se educa as crianzas para que teñan en conta as necesidades das avoas?
É unha pregunta complexa porque tamén o é a realidade. O libro aborda distintos tipos de familias e non todas teñen a mesma relación nin coas crianzas nin coas avoas. Creo que, cando medras tendo xente maior na casa, estabeleces uns vínculos ou coñeces unha realidade e unha forma de coidala. Tamén tes esta capacidade de xerar coidados se tes xente vella na túa contorna próxima, aínda que non haxa esa convivencia.

Con todo, igual que digo isto podo ir ao punto contrario: ás veces parece que só podemos aprender a coidar ou a empatizar cando temos esa realidade na nosa contorna. Isto implica que as crianzas que non teñen avoas non son quen de entender ou de aprender a coidar a xente maior? Eu creo que todo o mundo é capaz de aprender a coidar. Simplemente é certo que as crianzas son esponxas, por iso son tan especiais, porque son quen de absorber dese xeito tan de seu de ver o mundo. Esa capacidade de observar axúdalles a entender as distintas realidades aínda que non convivan con elas cada día.

Non obstante, aínda que creo nesta capacidade de aprender, tamén é importante que fagamos esa reflexión de por que lles esiximos ás crianzas que fagan cousas que nós non facemos. Refacendo a pregunta: aprendemos as persoas adultas a coidar a xente maior? Vivimos en sociedade e, como tal, penso que temos unha responsabilidade individual. Cada persoa está construíndo desde as súas posibilidades e desde o lugar que ocupa no mundo, e moitas veces non é por mal, senón que se fai o mellor que se pode.

Comentarios