Amparo Segarra, a artista ao descuberto

A súa presenza en Compostela era habitual no fin de século, vencellada á figura do seu compañeiro de vida, Eugenio Granell. Con motivo do centenario de Amparo Segarra unha exposición mostra en Compostela a súa dimensión de artista plástica e teatral. 

Amparo Segarra
photo_camera Amparo Segarra

“Amparo Segarra. A creadora” é a exposición que a Fundación Granell abriu para mostrar a traxectoria artística dunha muller da que apenas se coñecía a súa dimensión creativa. Comisariada por Natalia Fernández Segarra, filla da propia Amparo e de Eugenio Granell, a exposición, que permanecerá aberta até o día 21 de xuño, visita non só a obra plástica senón tamén a súa traxectoria como actriz neste ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento. 

A denuncia da inxustiza e desigualdade queda á vista nos collages que se expoñen no Museo Fundación Granell que recolle en especial obra dos anos cincuenta que a artista vive con Granell en Porto Rico. Descobre tamén a mostra a súa condición de actriz dando vida a papeis como Angustia en La Casa de Bernarda Alba, Maurya en Xinetes cara o mar de Synge ou a virtude en O home, a bestia e a virtude. A actividade teatral continuará en Nova York con obras de Benavente, Arniches e García Álvarez. 

A artista do exilio

Amparo Segarra sería compañeira de vida e exilio de Eugenio Granell a quen coñecería no seu exilio cara América.  A súa fuxida comeza o 8 de xullo de 1939 cando abandona unha Barcelona ocupada polos franquistas. Co seu fillo pequeno nos brazos atravesa os Pirineos nun tortuoso camiño que a artista recordaría no seu texto autobiográfico titulado “La guerra civil ha terminado”. “Baixando pola montaña, fíxeno a trompicóns e caendo a cada pouco. Ao neno chamáballe a atención que caera tanto. Levaba as alpargatas feitas anacos e cos dedos fora”, conta Amparo Segarra da súa difícil fuxida con Perpignan como primeiro destino no que busca a axuda do SERE e pide ingresar nun campo de concentración para mulleres. “Ao chegar, quedei horrorizada de ver a tantas mulleres e nenos detrás daquel aramado, agarradas a ela e mirándonos cun aspecto a non poder máis angustioso”, escribe tempo despois a artista.  

No camiño do exilio a América coñecería a Eugenio Granell e xuntos iniciarían unha vida en común que se prolongaría até a morte do artista. Santo Domingo, Guatemala, Puerto Rico e os Estados Unidos foron destinos do seu longo exilio do que regresarían en 1985. A artista morrería en 2007 en Madrid, despois de doar a colección artística e bibliográfica á Fundación Granell, con sede na compostelá Praza do Toural na que agora se expón a súa obra. 

Comentarios