Alumnado de Monforte, Friol, Meira e Foz leva o IlustrarNÓS

O certame, organizado pola vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo, entregou os premios esta segunda feira na sala de Exposicións do Pazo de San Marcos.
Maite Ferreiro, á dereita, entregou os galardóns ao alumnado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maite Ferreiro, á dereita, entregou os galardóns ao alumnado. (Foto: Nós Diario)

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, en Lugo, acolleu onte o acto de entrega de premios do II Certame Escolar de Ilustración IlustrarNÓS, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Nesta ocasión os galardóns foron para Hugo Moirón (CEIP Fondo Nois de Foz), Aya Lafou (IES Pedregal de Irimia de Meira), Ánxela Maneiro (CPI Dr. López Suárez de Friol) e Claudia Pérez (IES Río Cabe de Monforte).

Os seus traballos foron elixidos entre os 252 deseños remitidos desde centros de toda a provincia, creados ao redor do lema proposto nesta segunda edición do certame Contra o cambio climático, actúo, que convidaba a representar graficamente esa idea, visibilizando solucións fronte á emerxencia climática.

Da valoración das obras encargouse un xurado formado pola ilustradora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) Laura Romero, a deseñadora gráfica Belen Freijeiro e o vicedirector da Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Ramón Falcón, Alejandro Carro, que valoraron os aspectos determinados nas bases: relación co tema proposto, orixinalidade e creatividade na interpretación de dito tema, aportación narrativa desde a imaxe e técnica e composición.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, deu os parabéns ás premiadas e agradeceu ao alumnado e profesorado a boa acollida desta segunda edición do certame, afirmando que é "unha aposta por fomentar a creatividade e por poñer en valor o traballo de ilustradores e ilustradoras galegas que vemos, con orgullo, que se vai consolidando entre a comunidade educativa".

O acto, que conduciu a escritora e editora Eva Mejuto, contou coa presenza de familiares e docentes das alumnas premiadas.

Obradoiros con profesionais 

O certame forma parte dunha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación ao redor do Día da Ilustración na Galiza, Así, ademais do concurso, desde o pasado mes de marzo, 14 centros educativos acolleron obradoiros e coloquios, adaptados ás distintas etapas educativas. Para impartilos contouse coa colaboración de profesionais como o ilustrador Kiko da Silva, a ilustradora Laura Romero e o músico Juan A. Álvarez.

Comentarios