Alex Arnoso: "Continúo rapeando porque me segue a gustar, pero tamén volvo ás miñas orixes co metal"
—En Crise temos rabia, enerxía e crítica social. Como xorde este tema tan reivindicativo?
Veu un pouco coa inercia da temática principal que tiñamos en SondaRúa, nin sequera foi algo moi consensuado. Xuntámonos Hugo e mais eu e, como o tema xa pedía algo de caña tamén, a temática saíu soa. Nin sequera o chegamos a falar. Xuntámonos, pasámonos as partes e o que nos saíu foi isto. Pedíanolo a propia canción.
—Vimbio supón unha nova etapa no seu proceso creativo. Como se sinte Alex Arnoso con este último ano?
A verdade é que me sinto máis cómodo que nunca. Eu antes de SondaRúa, sendo moi novo, escoitaba moito metal e, aínda que escoitaba outros xéneros, era máis metaleiro que outra cousa. Despois comecei a escoitar algo de rap, xunteime con Hugo e formamos un grupo practicamente de puro rap. Co tempo, despois de aparcar un pouco o metal e escoitar só rap, volveume picar o bicho do metal. Tamén me apetecía tocar máis a guitarra nun grupo e, ao final, chegou a través de crear un novo proxecto como é Vimbio, que xunta un pouco dos dous mundos. Eu sigo rapeando porque me segue gustando o rap igual que antes, pero tamén volvo ás miñas orixes co metal. Estou moi contento, a verdade.
—Como foi traballar de novo con Hugo para esta letra?
Parecía como se non o chegaramos a deixar nunca, súper cómodos. Non foi como ter que pensar que íamos facer unha colaboración, simplemente nos xuntamos e xa nin sequera falamos da temática. Todo foi rodado. Ao final foron uns cantos anos xuntos, entendiámonos ben e iso non se esqueceu. Cada un ten o seu proxecto pero seguimos funcionando.
—Nota cada vez máis proximidade entre o metal e o rap na escena galega?
Todo son ciclos e cando hai unha escena sempre remata habendo unha resposta na parte contraria. Duns anos a esta parte, a nivel internacional, o guitarreo e o rock pasaron a un segundo plano e a música electrónica e os ritmos latinos son os que mandan, pero todo ten o seu ciclo. Isto é un pouco como coller unha bóla de cristal, pero teño a sensación de que imos cara a unha volta a estilos diferentes. Pode que na escena galega acabe pasando algo semellante: volver cara á caña, aínda que co neotrad pareza que iso quedou un pouco de lado. Pode que o rap e o metal rematen converxendo polo contexto actual de ambos, pero isto é unha sensación persoal e podo equivocarme perfectamente.
—Se Crise fose unha imaxe do momento actual, que escena presentaría?
Unha sensación que teño é que estamos nun momento complicado no que teñen mala pinta moitas cousas. Como se estivésemos perto dunha gran crise. Penso que todo o mundo ten un pouco esta sensación. Nunha imaxe non sabería dicilo, pero esa é a sensación que hai.
—Que soaría mellor, Troula nunha manifestación ou Crise nunha festa?
Como acaba de saír Crise, estou a tope con este tema. Troula non é que me aburrira, pero teño esa sensación de ter rematado agora algo que me gusta moito. Ao mellor dentro duns meses saco outro tema e pasa o mesmo, pero agora mesmo estou con Crise e gústame bastante máis este tema.


