Marián, Vimbio e Belém Tajes, finalistas do Premio Narf

A gala final será este domingo en Santiago
Natividade González, Jacobo Castro, Marián e Rocio Castro. (Foto: Deputación da Coruña)
Natividade González, Jacobo Castro, Marián e Rocio Castro. (Foto: Deputación da Coruña)

Esta segunda feira presentouse a gala final do Premio Narf que se realizará este domingo no Salón Teatro de Santiago. Na presentación participaron membros das bandas finalistas desta edición, como Marián e Jacobo Castro de Vimbrio ou Belém Tajes, así como a comisaria do Premio, Rocio Castro, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, que destacou que a gala "un ano máis será un espazo para desfrutar, para lembrar Fran Pérez 'Narf', pero sobre todo para reflexionar sobre o papel da música como forma de expresión identitaria".

A gala acollerá as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado, formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido, decidirá a gañadora que levará unha dotación de 4.000 euros de premio. Durante a súa deliberación, o público asistente poderá gozar da actuación de Caamaño&Ameixeiras, dúo folk máis que consolidado na Galiza que está a conquistar tamén os mercados internacionais. A final será presentada polo xornalista Luís Pardo, e aos mandos dos efectos visuais estará Iván Torres.

O Concurso Fran Pérez 'Narf' de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez 'Narf'. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno.

Bandas finalistas


Entre as bandas finalistas desta edición atópase Marián, cantante e compositora que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. O xurado destacou dela "a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción". Outra das finalistas é Belém Tajes, cantante e compositora, que foi parte de bandas como Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum no que mestura música tradicional galega e latinoamericana. Por último, Vimbio foi escollido polo "seu envoltorio de épocas diferentes da poética galega nunha banda de guitarras". Esta banda, liderada por Álex Arnoso, membro de SonDaRúa, conxuga o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos 2000.

Comentarios