Contracultura

Álex Alonso: "Baixo unha capa cómica, 'O estranxeiro' trata temas serios como a morte dun ser querido"

Álex Alonso, escritor e tradutor, vén de recibir o Premio Manuel Lueiro Rei pola súa obra 'O estranxeiro', inspirada polo texto homónimo de Albert Camus. Alonso aborda o ton e as características desta novela, así como algunhas chaves do seu proceso de escrita: "Había momentos nos que parecía que quen escribía o texto non era eu, senón que o meu personaxe, Manuel María, ía ditando o argumento e a acción".
O escritor e tradutor Álex Alonso. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera O escritor e tradutor Álex Alonso. (Foto: Distrito Xermar)

Que significou gañar o Premio Manuel Lueiro Rei?
Foi unha sorpresa. Considero que o meu é un texto que tiña bastantes dificultades para gañar polo seu ton cómico. Penso que son un tipo de textos aos que se lles dá menos valor. Con todo, eu digo que é humorístico desde o meu punto de vista. Lémbrome perfectamente de rir mentres escribía ou repasaba, mais tamén hai que esperar a interpretación que faga a persoa que o le, que pode dicir que non lle parece así. É un texto que, baixo esa capa cómica, está tratando temas serios como a relación cun mesmo cando morre un ser querido, a xustiza... É un texto que pode ter un abano moi amplo de interpretacións.

Aliás, este é un premio moi prestixioso que ademais está conformado por xente moi técnica, que pertence ao mundo da literatura, a diferenza igual doutro tipo de premios onde o xurado varía máis, polo que foi unha inmensa alegría coñecer este resultado. 

Por que decidiu utilizar este ton cómico para tratar os temas serios dos que fala?
Saíume así. Cando cheguei a O estranxeiro de Camus chamoume a atención porque era un texto moi ambiguo onde hai un personaxe que é deste tipo de persoas que cando falan non se sabe se o di en serio ou está de broma. É un personaxe que tamén é moi ambiguo, que de súpeto asasina unha persoa, mais que pode dar lugar a múltiples interpretacións. Como me chamou tanto a atención este texto, púxenme a facer unha especie de versión, O estranxeiro á miña maneira, e nada máis comezar xa derivei cara ao humor.

En moitas ocasións a historia depende do inicio, da deriva que tome a historia a medida que vas construíndo personaxes e neste caso todo se foi movendo cara a aí. Lembro que o pasei moi ben escribindo e que sentín unha cousa que non sentira nunca en ningún outro texto: había momentos nos que parecía que quen escribía o texto non era eu, senón que o meu personaxe, Manuel María, ía ditando o argumento e a acción.

Eran como ideas que aparecían de súpeto e, como é un texto que escribín hai tempo e está gañando agora, só podo dicir que me alegro de que saíra á luz. Creo que moitas veces é cuestión de algo que te chama a atención e a partir de aí ir probando e ver o que ocorre.

Quizais esa é a chave, velo como un xogo ou unha proba, sen máis expectativas.
Claro, ao mellor tes unha idea, comezas a escribir e ese proceso da escrita vaiche levando por outro camiño e deixando atrás esa primeira idea. Para min, a escrita é unha afección, pásoo moi ben e non me poño a escribir co obxectivo de saír premiado nin de ter éxito. Para min non é unha obriga. Claro, se tivese que entregar un texto á editorial nun tempo determinado viría a presión, todo isto que din da páxina en branco. Escribir así, baixo esa presión, pareceríame bastante complicado.

Para min é unha forma de abstraerme, de meterme neses mundos, e así normalmente van saíndo as cousas. E se non saen non pasa nada, porque para min é un entretemento. Tamén é certo que desde que me puxen máis en serio, sobre todo desde que comecei a dispor de máis tempo, empecei a ver que quizais non me ía tan mal, que vou tendo certa sorte.

O tempo é un factor determinante en moitos casos e depende moito das circunstancias de cada persoa. Diría que cando comecei a ver que non se me daba mal foi cando gañei o Premio Ánxel Fole por Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, porque até ese momento eu só gañara no Certame Matilde Bares e quizais aínda tiña as miñas dúbidas. Claro, cando escribes tes a túa opinión, mais até que non tes a resposta da outra parte non tes ningunha certeza. 

Comentarios