Unha compra formalizada por 650.000 euros

O 'Álbum Nós' de Castelao xa é pertenza do Museo de Pontevedra

A sala de xuntas do Pazo provincial de Pontevedra foi o escenario no que esta cuarta feira se fixo pública a sinatura do acordo de compra do Álbum Nós entre a Deputación de Pontevedra, representando o Museo, e a familia Domínguez Lino.
Castelao2 rafa estévez
photo_camera César Mosquera e Enrique Domínguez durante a sinatura da compra do 'Álbum Nós'. (Foto: Rafa Estévez)

A Deputación e o Museo de Pontevedra e a familia Domínguez Lino oficializaron na pasada cuarta feira a compra do Álbum Nós de Castelao cunha sinatura pública no Pazo provincial.

A partir de agora a colección, que xa se exhibía en depósito no museo desde 2016, pasa a formar parte dos fondos provinciais no que supón “a adquisición máis importante do Museo de Pontevedra nos últimos tempos coa obra máis importante de Castelao”, explicaba o vicepresidente da Deputación pontevedresa, César Mosquera.

A operación de compra do Álbum Nós formalizouse por 650.000 euros. “Unha vez que pasaron os catro anos de préstamo da colección a familia expresou o seu desexo de vendela, valoramos a obra e empezamos as negociacións, había ofertas de fóra pero finalmente quedou aquí”, explicaba o vicepresidente Mosquera.

Mentres a familia, representada por Enrique Domínguez Lino, expresaba o agradecemento á Deputación, persoalmente a César Mosquera e ao director e ao equipo do Museo, “por cumprir o desexo do meu avó e da miña nai de que a colección Nós quede en Pontevedra, esa era a intención e a ilusión de toda a nosa familia, polo ben de Pontevedra e da Galiza aquí estamos e aquí perdurará Castelao con nós durante o resto das nosas vidas”.

"Hoxe o que se fixo foi formalizar, como en calquera compra, o que estaba falado pero, mais este acto formal da sinatura do contrato púidose facer só de forma electrónica pero pareceunos que algo desta relevancia non podía quedar nalgo tan frío senón que tiña que ter certa trascendencia pública", comentaba César Mosquera.

"Até agora", engadía, "Deputación familia traballamos de boa fe, na confianza de que cada parte ía cumprir, e hoxe formalízase e podemos dicir que a Colección Nós é do Museo, da Deputación, que se completou o circuito”. 

O Álbum Nós exponse no Museo de Pontevedra desde 2016, cando tivo lugar a conmemoración dos 100 anos da chegada de Alfonso Daniel Castelao á cidade de Pontevedra. A Covid-19 e as restricións provocadas pola crise sanitaria manteñen o museo fechado, máis a exposición "agora non se cancelará, cando se poida volverase abrir", explicaba o vicepresidente César Mosquera, que tamén contaba que a Editorial Galaxia "ten a  intención de facer unha re edición da colección Nós de 1931, e estamos agora con ese trámite".

A longa e misteriosa viaxe da colección até o Museo

Os orixinais do Álbum Nós desapareceron durante a II República, “non se sabe o por que aínda que se pode deducir”, explica César Mosquera a Nós Diario, “houbo varias coleccións pero unha quedou completo no ano 31, e arredor de 1933 ou 34 desapareceu, houbo moitísimas hipóteses sobre o que pasara, incluso se dixo que fora destruída”.

“Non se sabía onde estaba, que pasara con ela... e entre 2015 e 2016, cando se ía facer unha mostra arredor dos cen anos da chegada de Castelao a Pontevedra, preguntouse se había material para expor e apareceu unha familiar con esta colección”, lembra o vicepresidente da Deputación.

"A familia non sabía que eran orixinais, tiñan algunhas enmarcada pero a maioría estaba nun cartafol", explica Mosquera, "analizáronse e viuse que eran auténticas e prestárona durante catro anos á exposición e ao Museo de Pontevedra". Até 2020 a condición dese préstamo fora a de non dar a coñecer o nome da familia propietaria.

Comentarios