Albino Férnandez, a arte da emigración

O Museo do Gravado de Ribeira dedícalle unha exposición ao artista que, en palabras de Luís Soeane, foi "exemplo dun tipo de galego que anda polo mundo, o fillo de emigrantes nado en un sitio, adaptado a outro e que mantén no seu fogar as costumes e o xeito todo de ser que procede da Galiza”.
'Canto a la libertad' (1961), de Albino Fernández. (Foto: Museo do Gravado de Ribeira)
photo_camera 'Canto a la libertad' (1961), de Albino Fernández. (Foto: Museo do Gravado de Ribeira)

Na cidade de Bos Aires mesturábanse os vellos emigrantes galegos que fuxían da fame cos exiliados que fuxían da ditadura. O peronismo gañaba as eleccións, dando lugar a vivos debates políticos. O mundo da arte vibraba coa aparición de correntes que mostraban as distintas caras da modernidade: os novos realismos, a expansión do muralismo mexicano, a abstracción... Exiliados galegos como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela participaban desa efervescencia intelectual e creativa despregando unha actividade que incluía desde a organización de exposicións até a fundación de editoriais, desde a emisión de programas de radio até a edición de revistas.

Nese ambiente formouse Albino Fernández, quen era, en palabras de Luís Seoane, “exemplo dun tipo de galego que anda polo mundo, o fillo de emigrantes nado en un sitio, adaptado a outro e que mantén no seu fogar as costumes e o xeito todo de ser que procede da Galiza”.

Pérez, nacera efectivamente, en La Habana, en 1921, fillo de emigrantes galegos que volverían en 1929 á Galiza por mor da crise económica internacional. Mais despois de tres anos en San Pedro de Viana, en Chantada, a familia toda volveu emigrar, desta volta á Arxentina, onde axiña destacou como debuxante, formándose con mestres tan destacados como Antonio Berni ou Lino Enea Spilimbergo. Converteríase ao pouco nunha figura de referencia no gravado arxentino.

Co gallo do centenario do nacemento de Albino Fernández, o Museo do Gravado de Ribeira inaugura unha exposición da súa obra (do 5 de novembro de 2021 até o 17 de febreiro de 2022) que se enmarca dentro dos actos que conmemoran o vixésimo aniversario do Museo.

A obra de Fernández non goza, talvez, da visibilidade que merece na Galiza e esta exposición visa a recuperar unha figura que foi quen de dar carta de natureza ao gravado contemporáneo en América e que mantivo durante toda a súa vida unha estreita relación co exilio galego na Arxentina.

A importancia de Albino Fernández non vén dada só pola personalidade e a creatividade que se recoñece na súa obra, senón tamén por un labor organizativo e divulgativo que foi quen de proxectar a estampa ao máis alto nivel. Profesor na universidade de Tucumán, na Escola de Artes Gráficas e no Instituto Arxentino de Artes Gráficas, foi ademais o principal promotor do Club da Estampa de Bos Aires, cuxo principal obxectivo era promover o coleccionismo de arte entre públicos de recursos medios, que podían adquirir un orixinal a través dunha cota mensual. 

Toda esa actividade dirixida á democratización da arte tiña a súa orixe, probabelmente, na formación obtida xunto a mestres como Spilimbergo -compañeiro de mocidade do Colmeiro mozo, por certo- que lle transmitiu un concepto da arte indisociábel das preocupacións sociais e dun profundo sentido humanista. Series como “América”, realizada entre 1971 e 1975, ou á dedicada ás Malvinas, iniciada en 1982, a raíz da guerra desatada entre Arxentina e o Reino Unido pola soberanía destas illas, non son senón dous exemplos desa forma de entender a arte. 

A exposición que agora se presenta no Museo do Gravado de Ribeira -comisariada polo crítico Carlos L. Bernárdez e o propio director do museo, Xoán Pastor Rodríguez- mostra  ese profundo compromiso do artista, así como a súa intensa colaboración coa cultura galega na Arxentina, especialmente con Luís Seoane, con quen o uniu unha forte amizade que se mantivo até a morte deste último, en 1979. 

Editor de libros editados con obra gráfica orixinal

Un aspecto moi importante do labor de Albino Fernández é o seu traballo como editor de coidadísimas publicacións ilustradas con obra gráfica. Nas décadas de 1970 e 1980, a editorial fundada por el, Albino y Asociados, dá ao prelo libros de extraordinario valor con xilografías orixinais como a colección de gravados Imágenes de Galicia (1979) de Luís Seoane ou os catro volumes de Senos de Ramón
Gómez de la Serna, con xilografías de Víctor L. Rebuffo, Luís Seoane, José M. Moraña e o propio Albino Fernández. 

Comentarios