CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Airbourne- Breakin’ Outta Hell

Após unha breve paréntese, volta Isidro Rajo e faino da man de Airbourne, banda australiana na esteira dos lendarios AC DC.

Airbourne é o nome que temos que engadir á Rose Tatto e AC/DC cando falamos das grandes bandas do hard rock australiano. A banda dos irmáns O’Keeffe chegou para consolidarse con Breakin’ Outta Hell, o que é seu cuarto álbum e que destila festa e rock and roll por cada un dos seus 11 temas.

Airbourne atoparon a chave do éxito: escoita a AC/DC e faino máis duro e máis rápido, liña do que neste traballo non se afastaron un ápice, nin falta que lles fai. Letras sen moita complicación, tirando dos tópicos sexo, alcol e rock and roll, riffs contundentes e unha batería moi marcada configuran este traballo de reafirmación.

Breakin’ Outta Hell  fora o single de adianto que nos chegara hai xa uns meses e que é unha auténtica locomotora cun retrouso rompedor que sobe o estado de ánimo nada máis encomezar e que frean con Rivalry,  un medio tempo  que lembra moito aos Gorky Park e que ten un toque oitenteiro que fai dela unha das mellores cancións do disco. O ritmo volve subir, aínda que non moito, con Get Back Up, un tema tan sinxelo como divertido.

Breakin’ Outta Hell  fora o single de adianto que nos chegara hai xa uns meses e que é unha auténtica locomotora

It’s Never Too Loud For Me é un deses himnos ao rock and roll feito para funcionar en tanto en directo, como nos garitos e que é preludio do rock and roll salvaxe que traeThin The Blood, o tema máis salvaxe e frenético deste plástico.  I’m Going To Hell For This volve ao máis puro estilo AC/DC tanto no son como en toda construción do tema, dende as síncopas até os coros. 

Down On You é unha irreverente e divertida oda ao cunilingus, que entra dende a primeira escoita e que ben podería ser obra do propio Lemmy. Never Been Rocked Like This é un dos temas máis frouxos do disco, que sen chegar a ser malo, rompe coa tónica que levaba até este momento e que volve a retomar coa pegadiza When I Rock I Go Crazy, todo un himno roqueiro a beber.  

Encetamos a recta final do disco con Do Me Like You Do Yourself, outro tema sen complicacións cun retrouso no que o título se repite até a saciedade para que a xente a cante nos directos xunto coa banda. It’s All For Rock N’ Roll, e o grandioso himno que pecha o disco. Un tema que a banda ten dedicado a Lemmy, co que a banda compartiu xiras.

Letras sen moita complicación, tirando dos tópicos sexo, alcol e rock and roll

Nuns tempos nos que parece que se esqueceu que o rock ten que ser divertido, volven Airbourne para nolo lembrar. Non lles fai falla alardes nin experimentos, non precisan de virtuosismo, porque este é simplemente un disco de rock and roll, feito para o pasar ben en calquera momento e en calquera lugar. 

Listaxe de temas

  1. Breakin’ Outta Hell
  2. Rivalry
  3. Get Back Up
  4. It’s Never Too Loud for Me
  5. Thin the Blood
  6. I’m Going to Hell for This
  7. Down on You
  8. Never Been Rocked Like This
  9. When I Drink I Go Crazy
  10. Do Me Like You Do Yourself
  11. It’s All for Rock N’ Roll

AIRBOURNE NAS REDES

Web: http://airbournerock.com/

Facebook: https://www.facebook.com/airbournerock

Twitter: @airbourne

Comentarios