A AELG homenaxea a Xela Arias

“A procura dos trazos que nos describan” é o título da homenaxe que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega lle tributará á poeta e tradutora Xela Arias o próximo 11 de marzo en Vigo. 

Xela Arias
photo_camera Xela Arias

Cando se cumpren dez anos do seu falecemento, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) réndelle unha homenaxe á poeta e tradutora Xela Arias en Vigo, a súa cidade. 

A homenaxe terá lugar o próximo 11 de marzo ás 19:00 horas no IES Álvaro Cunqueiro de Vigo e, con ela, a AELG quere recoñecer “unha voz única e unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua”. 

“A procura dos trazos que nos describan” é un verso da escritora, que se converte agora en título da súa propia homenaxe xa que, segundo a organización, “sintetiza toda unha declaración de intencións” para a AELG “profundar e transmitir” os “trazos ou a obra das escritoras e escritores que constrúen esta casa de noso que é a lingua galega. Lembrar á Xela “activa, curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente...” destacan na AELG da escritora que finou de repente en novembro de 2003 con 41 anos de idade e deixou títulos como Darío a Diario ou o seu derradeiro libro Intempériome.

Comentarios