A AELG homenaxeará o autor Xosé Manuel Martínez Oca na Estrada

A 28º edición do 'Escritor na súa terra' da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñec a extensa traxectoria do autor estradense.
O escritor estradense Xosé Manuel Martínez Oca. (Foto: Moncho Fuentes)
photo_camera O escritor estradense Xosé Manuel Martínez Oca. (Foto: Moncho Fuentes)

A homenaxe que cada ano dedica a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a unha autora ou un autor "na súa terra" chega este 2022 á súa 28º edición. Nesta ocasión, e por decisión unánime da súa asemblea de socias e socios, recaeu na figura de Xosé Manuel Martínez Oca, que terá ese recoñecemento na Estrada o 18 de xuño. 

"Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental", explican desde a entidade a través dun comunicado. A intención da AELG é "honrar escritoras e escritores procurando o contacto directo e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe". 

O evento previsto contará con tres partes. Na primeira descubrirase un monólito conmemorativo e plantarase unha árbore escollida polo autor (Casa das Letras, Avenida Benito Vigo 60, 11.30 horas). Na segunda procederase á entrega da 'Letra E' (Teatro Principal, rúa Serafín Pazo, 12.30 horas).

E a terceira, e última, consistirá nun xantar de confraternidade posterior. 

Martínez Oca, o autor homenaxeado, vén de publicar recentemente un novo libro titulado Tres en raia (Baía Edicións, 2022) e participará co relato curto inédito Relacións especiais no Caderno de Verán Máis que acompañará Nós Diario durante os meses de xullo e agosto.

Extensa traxectoria

Xosé Manuel Martínez Oca é un dos más prolíficos autores da narrativa galega contemporánea. De profesión empregado de banca, comezou a súa andaina literaria publicando en obras colectivas como en Catro Narracións (Edicións do Castro, 1977) até chegar a súa primeira obra en solitario, A fuxida (Xerais, 1980).

Con outra obra súa, Beiramar (Xerais, 1983) acada o Premio Blanco Amor ao que lle seguirían outros.

Traballou o ensaio coa obra Dos camiños de arrieiros ós Pazos da Ulla (A Nosa Terra, 2000); a literatura infanto-xuvenil, con Roi e os seus amigos (Casals, 1987) e Todo o peso do ceo (Luís Vives, 1997); ou traducións como Maigret na  escola, de Georges Simenon (Vía Láctea Editorial, 1992). 

Comentarios