Contracultura

Adrián Gómez: "Son fan da fantasía e dos mundos que mesturan os monstros coa realidade que coñecemos"

Adrián Gómez (Rianxo, O Barbanza, 1994) é o autor de 'Aqueles corpos nosos' (Xerais), unha fantasía urbana na que as vidas de lobishomes e meigas se entrecruzan cos asasinatos e desaparicións da cidade de Compostela. Esta novela xuvenil é a continuación de Cando sangren os lobos e chegará ás librarías a partir de mañá.
O escritor rianxeiro Adrián Gómez Ramos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor rianxeiro Adrián Gómez Ramos. (Foto: Nós Diario)

—Cando sangren os lobos recibiu o Premio Xuventude Crea de Novela Curta en 2021. Nese momento xa tiña claro como quería continuar a historia?
Si que quería ampliar a historia, aínda que fose para min. Ao final nos concursos existe unha limitación de espazo, e de tempo incluso, e tiña a sensación de que me quedaran cousas fóra que quería contar. Eu soubera do concurso cando xa estaba relativamente perto de fechar o prazo, polo que si que me deu tempo a presentarme, pero fun algo máis apurado do que me tería gustado. Así, decidín probar a escribir e o que comezou sendo para min acabou por coller forma. Envieillo á editorial e aí foi cando se viu que había posibilidades de que esta segunda parte se materializara.

Á hora de escribir, tiña unhas ideas xerais do que me quedara por contar nesa primeira parte e tamén é certo que deixara un final un pouco aberto a seguir que me permitía seguir construíndo. Tamén ao ser personaxes aos que xa estaba acostumado e que xa tiñan as súas relacións entre eles intentei pensar que era o que tiña sentido, cales debían ser os seus próximos pasos na vida.

—Esta é unha historia que mestura a fantasía urbana de moda coa mitoloxía e escenarios galegos. Cre que pode atraer novos públicos?
Penso que si. A literatura, como o cinema ou calquera outra arte, móvese por modas e precisamente a fantasía urbana é un escenario que está chamando a atención agora mesmo. Creo que na literatura galega, como en calquera outra, hai que intentar seguir os ritmos que marcan as persoas que len. É certo que escribo para min, mais se non houbese ninguén que quixese ler o que escribo non tería sentido. No caso de Cando sangren os lobos, ao ser un libro que se recomendou en institutos, tiven a posibilidade de falar coa rapazada que o leu e preguntarlle que chamara máis a súa atención e que cousas non gustaron tanto. Non son tan maior, mais ás veces cústame seguir o ritmo do que funciona cando falamos de produtos pensados para a xuventude.

O que me pode gustar a min na literatura pode ser moi distinto e si que é certo que está ben que haxa persoas adultas que guíen un pouco o que ve ou le a rapazada. Con todo, tamén ten que existir a iniciativa propia, que vexan que pode ofrecer a literatura nos seus gustos, ben fantasía, ciencia ficción ou outros xéneros. Creo que, en xeral, a rapazada non busca ler en galego de maneira intencional, ao mellor porque o ven como un traballo de clase, mais mostrarlles que na nosa literatura non é todo tan fechado como pensan pode ser un punto a favor.

—En Aqueles corpos nosos volven personaxes como Fernán Malvís, un dos protagonistas e, precisamente, un lobishome.
Eu sempre fun moi fan da fantasía e dos mundos que mesturaban os monstros coa realidade que coñecemos, polo que inventar un personaxe como el saíume de maneira natural. Sempre me pareceu interesante escribir personaxes con poderes, mais tamén está o que quería trasladar a través da súa figura: a aceptación das persoas que son distintas. Non se trataba de impor esta lección de que a diversidade é unha realidade, aínda que é unha mensaxe que está aí, senón que ao darlle esta capa de pintura por enriba protagonizada por monstros e misterios fai que sexa máis sinxelo achegar a mensaxe ao público xuvenil. A idea é que non sintan que se lles está dando unha clase de moralidade.

Neste sentido, en Cando sangren os lobos, os personaxes quedaron bastante definidos, mais en Aqueles corpos nosos descóbrese que os que parecían tan bos non o son tanto e que os malos tampouco son tan malos como se podería chegar a esperar. Creo que é unha mensaxe interesante e que tamén pode ser unha sorpresa para as persoas que lean esta segunda parte da historia.

Comentarios