Adegas Martin Códax fai entrega da recadación de 'Os Xoves de Códax' a varias ONG

O presidente de Adegas Martín Códax, Xoán Allegue, agradeceu de maneira moi emotiva a expectación, acollida e éxito do ciclo musical solidario entre o público e destacou que "un ano máis con esta e outras actividades da adega intentamos reflectir o noso compromiso coa sociedade galega e a nosa aposta pola vinculación co territorio, coa nosa identidade e cos valores colaborativos".
Representantes das ONG con Xoán Allegue (no centro), onte (Foto: Adegas Martin Códax).
photo_camera Representantes das ONG con Xoán Allegue (no centro), onte (Foto: Adegas Martin Códax).

Adegas Martín Códax entregou esta terza feira a recadación dos concertos incluidos na décima edición do ciclo musical solidario ‘Os Xoves de Códax’ ao Banco de Alimentos Rías Baixas, Cruz Vermella Galiza, Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos da Galiza (Asanog), Fundación Grandes Amigos e Asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores (Amencer Aspace).

O presidente de Adegas Martín Códax, Xoán Allegue, agradeceu de maneira moi emotiva a expectación, acollida e éxito do ciclo musical solidario entre o público e destacou que “un ano máis con esta e outras actividades da adega intentamos reflectir o noso compromiso coa sociedade galega e a nosa aposta pola vinculación co territorio, coa nosa identidade e cos valores colaborativos”.

Allegue, ademais, reflexionou sobre a filosofía de Adegas Martín Códax e das entidades beneficiarias de ‘Os Xoves’: “A colaboración é e será fundamental no noso día a día. Esa é a filosofía de Adegas Martín Códax, formada por familias, e é a mesma particuliaridade que nos une ás asociacións aquí presentes que traballan pola igualdade de oportunidades para todas as persoas e para que ninguén quede atrás. Xuntos, cooperando, medramos máis e mellor”.

“Queremos dar as grazas a todas e cada unha das persoas que asistiron aos concertos de ‘Os Xoves de Códax’ desta décima edición, quen, coas súas entradas, contribuiron á recadación destinada a cada unha das organizacións aquí presentes hoxe. Sen eles non sería posíbel o éxito, ano tras ano, desde ciclo de concertos”, matizou o presidente de Adegas Martín Códax.

As asociacións

Os representantes das asociacións dedicaron unhas palabras de agradecemento á adega por esta iniciativa e, sumáronse aos agradecementos do presidente de Bodegas Martín Códax, á solidaridade de todo o público de ‘Os Xoves de Códax’ que lles permitirán levar a cabo diferentes proxectos destinados a axudar aos colectivos en risco de exclusión ou con necesidades especiais.

Cos cinco concertos organizados ao longo deste verán, a adega entregou máis de 35.000 euros ás asociacións. En cifras xerais, a cantidade total recadada ao longo das dez edicións supera os 220.000 euros, repartidos entre diferentes asociacións solidarias.

Esta décima edición do ciclo musical de ‘Os Xoves de Códax’, xuntou artistas de diferentes orixes nun espectáculo de fusión cultural e musical. ‘Os Xoves de Códax’ supoñen, ademais, “continuar co apoio de Adegas Martín Códax á cultura, á música e a todo o seu colectivo, os protagonistas indiscutíbeis deste ciclo musical, algo moi arraigado na traxectoria da adega”, engaden.

Comentarios