A actriz Luma Gómez, protagonista en Sermos Galiza

Entrevista á actriz Luma Gómez. (Foto: Nós Diario)
O número que sae do prelo este sábado tamén inclúe unha ampla reportaxe sobre a loita da veciñanza de Covelo pola reitoría de Paraños, que acabou sendo un hotel. Aliás, atoparás contidos sobre castros, deseño, arquitectura, rutas, música... Non perdas a oportunidade de gozar do teu tempo de lecer co semanario!

Agardabas por un novo número? Pois xa non queda nada para que poidas gozar de Sermos Galiza, que esta semana proponche descubrir mellor quen é Luma Gómez, unha das grandes damas do teatro do país. Aliás, poderás saber máis sobre patrimonio e historia.

Nunha conversa con Manuel Xestoso, Gómez achega a súa opinión sobre diversos temas coma o momento actual do teatro galego, a creación independente, a evolución deste arte, os inicios afastados do ámbito profesional...

Baixo o título ‘Luma Gómez. A loita polo teatro’ e cunha imaxe de Teatro del Noroeste, a artista da conta da súa traxectoria, esa que a levou a recibir o Premio de Honra da Fundación Aisge.

Dunha reitoral a un castro

Ademais de para o patrimonio artístico, o semanario tamén garda espazo para o patrimonio histórico. Así, o xornalista Antón Escuredo presenta a historia ‘Reitoral de Paraños. O soño veciñal dun fogar social que agora é hotel’.

Na reportaxe alude ao Caso Retablo, á corrupción na igrexa católica e a unha loita veciñal en Covelo que quedou tapada polos escándalos.

Pola súa banda, Yolanda Álvarez e Luís Francisco López investigan sobre ‘O castro de Castromaior’, en Portomarín, á marxe dereita do Miño. O texto e as imaxes axudan a invitar á visita.

E falando de visitas, poderás ir con Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo -membros do Colectivo Xea- ‘Camiñando desde Armenteira a Escusa’.

Gozar da literatura e do cinema

Como cada sábado, tampouco faltarán á súa cita contigo as recomendacións literarias, musicais e cinematográficas. Na área de libros, Mario Regueira e Manuel Barreiro falan de Papiroflexia de Fernando Castro e Little Nemo descobre os Beatles/Rolling de Daniel Llabrés e Jaime Pantoja.

Así mesmo, no apartado reservado para a música Olga Brañas analiza o disco Zapatilla de The Turre’s Band e Fernando Montenegro asina o artigo ‘Enrique X. Macías na lembranza’. Na escolma de cine, Andrés Castro destaca ‘Devolvendo o golpe’, un traballo do cineasta galego Carlos Prado Pampín.

A modo de extra, neste número fornecemos un artigo de deseño de Pepe Barro que leva por título ‘Os xentís anduriñas’ e unha achega de arquitectura (‘Pero iso que é?’) de Lázaro Armental. Fechan os contidos os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Para ter toda esta oferta na túa man só tes que acudir ao quiosque ou á nosa tenda en liña este sábado para mercar o Sermos Galiza que acompaña Nós Diario. Aínda que tamén podes facer nun momento a túa subscrición!