Unha escolma do papel

A vixencia de Castelao

castelao
photo_camera O 25 de xullo de 1984, na praza da Quintana

Comezaremos por sinalar unha das características da nosa cultura no momento actual. Deixarémola en curiosa, para non extremar outros adxectivos que merecería. Trátase de -dito coloquialmente- estar de volta antes de ter ido, isto é, trátase de desmitificar o que non só non é obxecto de mitificación nengunha, senón que nen sequer chega á categoría de símbolo (re)coñecido e lido e divulgado con respeito ao seu pensamento e á súa transcendencia. Sendo esta falencia común a moitos aspectos e ramos da arte galega, da literatura, da súa cultura en xeral, quizabes o caso de CASTELAO resulte o máis rechamante e escandaloso, por se tratar da personalidade galega máis completa, proteica e significativa da primeira metade do século XX e, aliás, por representar a súa obra de pensamento e a súa arte o anchuroso río de que son tributarias as augas do nacionalismo galego contemporáneo. Nacionalismo que se alimenta doutros nutrientes ideolóxicos, que existe, loxicamente, no seu tempo e para servir ao seu tempo, mais que é inintelixíbel en non botando man de todo o deposto e construído polo home a quen van dedicadas estas páxinas.

No 25 aniversario da súa morte, en 1975, iniciativas varias do nacionalismo galego na súa honra foron convenientemente abortadas e reprimidas: non cabía contemplación nengunha; a ecuación Castelao = nacionalismo galego era demasiado patente e elocuente. Até tivo unha rúa no País Vasco antes do que na Galiza (prohibida nas Pontes de García Rodríguez por quen, anos despois, utilizou o seu nome impudicamente para outorgar unhas medallas con que premiar o clientelismo político e entregalas a quen, en máis dun caso, non dubidaría en perseguir ou fusilar o personaxe se chegase a telo a man). Velaquí temos un caso de apropiación indebida, por dicérmolo coa expresión que Celso Emilio Ferreiro utilizou no poema a el dedicado e que Miro Casavella cantou hai case cuarenta anos.

Non morremos só unha vez. Castelao morre por primeira vez o 7 de Xaneiro de 1950, en Buenos Aires, destino final do seu exilio forzoso. Nunca a capital arxentina vivera un enterro semellante: conmove aínda hoxe reler a crónica de, por exemplo, Valentín Paz Andrade, no seu libro Castelao na luz e na sombra de 1982. Morre por segunda vez -re-sepultado de má maneira- no 28 de Xuño de 1984, canda o escándalo da traída dos seus restos e a súa vil utilización para aínda mallar máis no nacionalismo expulso ilegalmente do Parlamento Galego: ben o documenta o artigo de Manuel López Foxo incluído neste dossier. Boa proba deste segundo abxecto enterramento é a escasa porcentaxe de persoas galegas que, en 1986, co gallo de se celebrar o centenario do seu nacemento, declararon coñecelo. Diso se trataba: de sepultalo para sempre, fóra do calor popular, da difusión da súa obra, da pertinencia do pensamento e da súa loita.

Permítanme agora e de novo un chouto aos nosos días, 30 anos despois daquela desgrazada operación. Como ben lembra Cesáreo Sánchez Iglesias, clama ao ceo -nunca mellor dito- que o Panteón de Galegos Ilustres, destino final dos restos mortais de Rosalía de Castro, do noso compatriota, de Asorei… volva depender da xurisdición eclesiástica, estexa fechado, como símbolo maiúsculo da clausura (desaparecemento desexado) da Galiza e da súa historia, e co frío da pedra como único acompañante de quen tanto e con calidade tanta significaron a nación e a súa potencia. ¡Maravilla das maravillas que se nos concede aos galegos do século XXI: retornar ao XIX anterior ás desamortizacións! Terceira tentativa de nova morte para Castelao.

E, porén… ¡que útil é Castelao -mesmo troceado ou retocado ou manipulado- para a lexitimación da cultura galega actual! O Consello da Cultura Galega, organismo previsto no Estatuto promulgado en 1981, escolle como símbolo gráfico o escudo deseñado por Castelao, mais suprimindo a lenda “Denantes mortos que escravos” e substituíndo a fouce e a estrela de cinco pontas polas sete cruces (as sete antigas provincias), o cáliz e a hostia do escudo oficial. A maiores, a serea orixinal aparece culminada pola coroa real e esta pola cruz, de modo e maneira que fica absolutamente aqueloutrado o sentido orixinal de deseño castelaniano, por moito que a silueta da serea e a súa cabeleira nos remitan decontado ao primixenio inspirador.

ENTREVISTAS INÉDITAS


En Abril de 1997 achamos, no “Archivo General de la Guerra Civil Española”, de Salamanca, dúas entrevistas inéditas de Castelao, publicadas en Frente Rojo e máis en El Magisterio Español (Maio de 1938) e inserímolas nas Actas do Congreso Castelao na Galiza do século XX organizado pola ASPG e a UDC (2000). Recólleas no seu Castelao na Unión Soviética en 1938 (2012) Xesús Alonso Montero, para quen o noso autor sofreu unha auténtica caída do cabalo paulina ao chegar á URSS e coñecer de primeira man as políticas alí realizadas. Noutras palabras: Castelao sería un político novel, incauto, desinformado… e ao chegar aló despertou de vez, fíxose home, en fin, do ponto de vista da alta política… Neste mesmo ano, o libro de Xaime Subiela Para que nos serve Galiza? utiliza na portada o escudo de Castelao, coa fouce e a estrela conservadas, mais trocando a lenda orixinal pola tríade da Revolución Francesa: Liberté. Egalité. Fraternité.

<<Castelao morre por primeira vez o 7 de Xaneiro de 1950, en Buenos Aires (...). Morre por segunda vez -re-sepultado de má maneira- no 28 de Xuño de 1984>>

Decontado me veu á memoria a viñeta de Castelao: - Qué é iso da “libertá, fraternidá,igualdá”? -Débeche de ser unha cousa… como “creer no que non vimos”. O diálogo dos dous paisanos de noso aforra calquer comento. En entrevista recente (Tempos novos, maio 2014), o presidente do Consello da Cultura Galega opina que Castelao era bastante voluble. Dependía de quen fose o seu asesor. Foi á URSS e veu cegado. Tivo unha época en que estaba moi influído por Luís Soto, e abraiado polos comunistas. Logo foi para Bos Aires e quen o asesoraba era Prada, e a xente máis conservadora da emigración, por tanto foi moito máis moderado. Veu a París, e estivo nun goberno presidido por comunistas, con Carrillo, por exemplo, e era republicano… En fin, tampouco lle vamos esixir a unha persoa, por moi intelixente que sexa, que sexa consciente de todo. Velaí temos Castelao convertido nun veleta sen criterio, precisado de tutoría e tutela ideolóxica constante, por parte de políticos-verité que o ían guiando. Vaia por Deus! ¡E el como daría escrito Sempre en Galiza! Que inspiración divina o alumaría? En fin, na recente campaña eleitoral pudemos ver cartaces de AGE en que unha silueta perfeitamente recoñecíbel de Castelao pedía o voto directamente para a candidatura de AGE-Izquierda Unida: o Castelao que entregou toda a súa vida adulta á constitución e engrandecemento do nacionalismo galego!

Como se ve, pois, Castelao vale para moito. Non, secomasí, para as eximias autoridades das altas institucións culturais galegas se preocuparen pola ignorancia masiva sobre a súa personalidade e obra (as de Castelao) ou para que lamenten sentidamente a (nova) clausura de San Domingos de Bonaval Panteón de Galegos Ilustres e así o fagan saber á superioridade político-eclesiástica. Non, para iso xa están os patalexantes de sempre. Cada quen no seu papel, faltaría máis.

Non deixemos morrer aos nosos mortos, pedía Blanco Amor. Resgatemos Castelao das mortes sucesivas e reavivemos a súa mensaxe. É tan elocuente e expresiva -inclusive para moitos acontecementos da máis próxima actualidade-, en coñecéndoa directa e en por si, que resistirá a frialdade glacial da pedra que tenciona enterralo para sempre. Non o consintamos.

Evitemos, co calor do coñecemento, a desmemoria ou a memoria falsificada que Xoán Carlos Garrido Couceiro O pensamento de Castelao denunciaba no primeiro ano deste século. Pola conta que nos ten.

Este artigo apareceu no caderno A Fondo nº 71 publicado co nº101 de Sermos Galiza o día 19 de xuño de 2014.

Comentarios