A TVG financia un “culebrón” en plena crise a costa da precarización dos sectores profesionais

Unanimidade nos sectores profesionais á hora de denunciar o novo modelo de produción no que a TVG se embarca coa serie “El Faro”. Precarización do emprego con salarios inferiores ao convenio nunha macroserie que bota tamén por terra os obxectivos de promoción da lingua e a cultura que conduciron a creación da televisión pública. 

Carlos Ares, Alberto Díaz, Morris e Jorge Coira
photo_camera Carlos Ares, Alberto Díaz, Morris e Jorge Coira

En época de crise a TVG afronta o financiamento dunha telenovela que, alén de ser un produto que nada ten a ver cos seus obxectivos de creación, contribúe á precarizacións dos sectores profesionais do audiovisual. Eis a denuncia presentada pola Coordinadora de Profesionais do Audiovisual Galego que reúne aos colectivos á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación de Guionistas de Galicia (AGAG), Asociación de Técnicos do Audiovisual de Galicia (ATEGA) e Asociación de Directores e Realizadores (CREA). 

Unanimidade polo tanto nos distintos sectores á hora de denunciar o “dano” que o modelo de produción da serie “El Faro” está a producir nun ámbito especialmente lastimado pola crise. En roda de prensa, representantes dos distintos colectivos esixíronlle tanto ás canles autonómicas implicadas no financiamento da telenovela como ás produtoras responsábeis que cambien o modelo e cumpran cos “requisitos laborais e de función de servizo público” que se recolle no seu marco fundacional. 

A serie El Faro está financiada nun 50% pola TVG e nela participan case todas as canles da  FORTA, a federación que reúne ás televisións autonómicas. A través dun comunicado presentado en rolda de prensa, os representantes das distintas asociacións amosaron a “preocupación” polos efectos que pode producir a produción da serie, da que se encargarán as empresas galegas Agallas Films, Cinemar, Zennit TV e Pórtico. Carlos Ares, da AGAG; Antonio Durán Morris, da AAAG; Jorge Coira, de CREA, e Alberto Díaz Bertitxi, de ATEGA sinalaron o elevado número de denuncias de profesionais de todo o estado que lles están a chegar en relación coa telenovela, con oferta de salarios moi por baixo dos do mercado para guión, traballos técnicos ou dirección. As rebaixas chegan ao seu grao máximo no caso de actores e actrices nos que se alonxan do establecido no convenio laboral.  

Nin lingua nin cultura

A serie non responde, segundo sinalaron, “aos principios de defensa e promoción da lingua e da identidade cultural” que preside a creación das canles públicas xa que, polos datos que teñen a súa ambientación “deliberadamente obvia calquera referencia á identidade cultural especifica de cada unha das distintas comunidades”. Trátase de 120 capítulos de 50 minutos dunha telenovela ambientada nun restaurante que podería estar na rúa de calquera cidade ou vila do mundo. 

Os sectores profesionais esixen que se reorienten o modelo de produción para que cumpra “os mínimos requisitos laborais e de función de servizo público esixibles a calquera produción dunha televisión pública”. Como “bomba de reloxería” o definiu Antonio Durán Morris, da AAAG que situou entre un “30% e un 50%” as rebaixas salariais da serie mentres que o director Jorge Coira, desde Crea, falou de “serio risco” xa que implica unha “precarización do sector” ao tempo que demandou maiores producións para Galiza, mais “por calidade e non por ser máis barato”. “É preocupante a falta de identidade cultural desta produción para as televisións públicas autonómicas”, afirmou Alberto Díaz Bertitxi no que definiu como situación “alarmante” para o audiovisual producido con cartos públicos. 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) unha asemblea informativa mañá mércores ás 16.00 horas na SGAE.

Comentarios