Máis

A Canción do Verán

A industria musical da Galiza soa con forza en festas, concertos e festivais. Desde as versións de cancións populares até o rock e as bases electrónicas... Cunha oferta para todos os gustos catro críticos e críticas musicais configuran a lista de reprodución do verán galego con temas do máis bailábeis e na que Onde ela me quer levar (Grande Amore) gaña o ouro.
O traballo cifra en 6.000 os eventos musicais celebrados en 2023. Na foto, Grande Amore.
photo_camera Grande amore nunha actuación para Radio 3 xunto con Maria Grep e Clara Redondo. (Foto: Grande Amore)

O verán comeza a aproximarse ao seu final e os éxitos musicais deste ano seguen soando en festas, concertos e festivais. Podería entrarse a discutir que significa o concepto de canción do verán, mais existirían centos de interpretacións ao respecto. O que queda claro é que hai algúns temas e artistas que marcan o tempo estival con melodías que se impregnan no cerebro e fan cantaruxar a ritmo e mover o pé. Para crear a listaxe das dez cancións deste verán na Galiza, catro críticos e críticas musicais achegan, en exclusiva para Nós Diario, unha escolla dalgúns dos temas de maior impacto destas datas nunha mestura entre a música máis escoitada e algunhas xoias agochadas que cómpre reivindicar. O xornalista, guitarrista, teclista e compositor do grupo de rock Komodo Mauro Borrazás; a percusionista Olga Brañas, a cantante, compositora e especialista en musicoterapia Belém Tajes e o xornalista musical Pablo Vázquez son as catro voces que configurarán a lista de reprodución musical do verán nunha selección na que a variedade de artistas e xéneros demostra a forza da industria do país.

Na posición número dez soa a música de Ortiga con Pili Pampín no tema Eu Chorar Chorei, unha canción popular revisitada no estilo dunha salsa de base electrónica. Un tema que aínda que xa ten un ano segue causando impacto. Xusto enriba, na novena posición, o Pola Costa de Boyanka Kostova consegue facerse un oco co seu rap que invita á festa nunha reflexión sobre a fama e o diñeiro. Unha composición na que o dúo, co que Chicho (Ortiga) repite na lista, une forzas con High Paw, Dios ke te crew, JaguarOne e DJ Mil para conseguir o mellor resultado. Avanzando até a oitava posición atópase a Punheta de Mondra, un dos artistas revelación deste ano. En colaboración coas Fillas de Cassandra e producida por Verto, esta canción conxuga os ritmos tradicionais da música galega cos efectos electrónicos e o autotune na súa carta de presentación á industria musical. Na sétima posición, Verto repite como o produtor do último tema das Fillas de Cassandra, Tola, unha canción na que o reguetón convive coa base tradicional nunha composición de temática feminista. No sexto posto, un grupo que no último ano, e grazas ao seu disco O corasón coma un after, vén de conseguir grandes recoñecemento. O Avión de The Rapants chega cunha dose de enerxía incontrolada e provoca en todos os seus concertos a euforia colectiva.

Xa no ecuador, Vai Tú, a versión de Baiuca de Verde-Gaio coa gravación orixinal das voces de Leilía. Un tema que busca traer a cultura popular á música actual. Rozando o podio, Caamaño e Ameixeiras achéganse á sensualidade a través de A pequena Morte, un canto ao pracer que reformula as coplas tradicionais.

O bronce das cancións do verán é para Tataravoa de Fillas de Cassandra, a súa primeira produción con Galician Army e unha reivindicación das raíces nunha colisión entre o pasado e o presente na que Sara Faro e María Soa experimentan con sons pop. A prata deste ano é para a Oliveira dos Cen anos, un himno ao Celta, mais tamén unha posta en valor da tradición e da cultura nun tema producido por C. Tangana para cuxa composición e interpretación se uniron artistas como Xosé Lois Romero, Xisco Feijóo ou As Lagharteiras. Finalmente, o ouro é para Onde ela me Quer Levar, o terceiro adianto do último disco de Grande Amore e a única canción do proxecto de temática amorosa. Unha produción que, sen afastarse do rock e o garage característicos do artista burelá, busca aproximarse a elementos pop cunha letra moi contaxiosa.

Fóra do Podio

Non se deben obviar algunhas das propostas que se escapan da listaxe, mais que non poden quedar no esquecemento entre os temas deste ano. Desta forma, Mauro Borrazás asegura que "a música galega está a experimentar con moitas ganas de festa". Tanto é así que na súa escolla recóllense propostas como o rock de Terbutalina con Arder Todo, o discurso feminista de Lisístrata de Fillas de Cassandra ou o electro folclórico da III. Muinhera do Rabelo.

Olga Brañas, pola súa parte, aproveita para pór en valor a expansión do "amor pola cultura propia a todos os estilos". A sensualidade da colaboración entre Antía Ameixeiras co grupo Ataque Escampe na canción Cociña Práctica ou a homenaxe á música portuguesa de MJ Pérez en Ora aperta, amor soan na súa selección.

A pesar da predilección de Belém Taxes polo folclore, para a súa aposta asegura que "as excentricidades son moi divertidas e o verán é un momento para esquecerse do cotián". Na súa escolla mestúrase a música instrumental de Chulinha das cacharelas de Caldo coa versión galega de Freed From Desire, Deixa que saia, da dupla de Ortiga e Pili Pampín.

Na lista de Pablo Vázquez atópase o equilibrio entre o “éxito mediático”, a procura de “himnos xeneracionais”, a busca de “letras divertidas” e o auxe das versións. Desde a retranca con base de gaitas de O Samil é Portugal, até o himno a amizade de Familia Caamagno, Xuntos, as súas 10 cancións son un popurrí cheo de diversión e alegría.

Comentarios