A AELG pide a reposición da Consellería de Cultura

A reposición da Consellería de Cultura, a creación dunha Dirección Xeral do Libro e un Instituto de promoción da cultura galega son algunhas das iniciativas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ven de demandar ás organizacións que concorren ás eleccións ao Parlamento Galego.

A AELG ven de facer público un pronunciamento diante das eleccións ao Parlamento galego no que se dirixe ás organizacións políticas que concorren co fin de demandar a inclusión nos seus programas de goberno de medidas de promoción da cultura galega diante dunha situación que entenden de “asfixia económica programada”.

No pronunciamento, a asociación que representa ao mundo das letras galegas, recolle unha seria de medidas para o novo goberno entre as que destacan a reposición da desaparecida Consellería de Cultura, eliminada na última reforma do goberno de Feijóo. Reclaman tamén a creación dunha Dirección Xeral do Libro e dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior. Con respecto a iniciativas que naceron no anterior goberno e foron eliminadas ou devaluadas co PP, a asociación insiste na recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega, a elaboración dun Plan de lectura e o apoio ao teatro galego. Reclaman que se desenvolva a Lei do Libro na condición do mundo editorial como industria estratéxica.

Cando por vez primeiras editoriais e representantes do mundo literario galego non estarán presentes en Liber ou Franckfurt, a AELG reclama a participación en feiras e mercados internacionais. Fan tamén fincapé ao apoio efectivo aos medios de comunicación en galego e á restitución da lingua no ensino.

A AELG diríxese tamén á cidadanía para que,á hora de decidir o voto teña en conta o “deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua” e polo tanto “preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto” expresadas nos distintos programas electorais.

Comentarios