300 escolares percorreron xa os recunchos literarios de Carballo

Un total de 290 escolares carballeses participaron nas visitas guiadas do trolebús literario que percorre os recunchos urbanos vinculados aos autores da contorna ou ás súas obras
Un grupo de escolares nunha das paradas do 'trolebús'.
photo_camera Un grupo de escolares nunha das paradas do 'trolebús'.

Un total de 290 escolares carballeses participaron xa nas visitas guiadas que organiza a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística a bordo do trolebús literario que percorre os recunchos urbanos vinculados aos autores da contorna ou ás súas obras.

O trolebús literario é un vehículo imaxinario cun condutor de primeira como Hadrián García, historiador e guía, que transporta aos nenos e nenas polas nosas rúas para darlles a coñecer os autores e autoras locais, a literatura inspirada no noso concello e os recunchos dos que parte esa inspiración. Ademais dun importante recurso cultural, o Mapa Literario de Carballo é unha ruta turística e constitúe unha nova aposta pola mobilidade sostible.

O mapa inclúe dúas liñas, cada unha das cales ten varias paradas. A Liña 1 xa está sinalizada, de xeito que nas paradas atoparemos un panel co esquema da ruta, o fragmento ao que fai alusión esa parada, o nome do autor ou autora e un código QR que enlaza coa páxina web do Mapa Literario de Carballo.

En breve procederase tamén á sinalización da Liña 2 e para estreala realizarase unha saída aberta a toda a cidadanía. 

Comentarios