25+1 filmes para festexar (con criterio) o Día do Orgullo Friki

Se che queda tempo tras o desfile de Star Wars, a partida de rol ou tras da xornada de cosplay aí che van uns cantos filmes para que celebres o Día do Orgullo Friki como se merece.

orgullofriki
photo_camera Carteis de varios dos filmes recomendados

1. A AVENTURA DOS EWOKS (1984, John Korty). Todo o teu entorno xa mirou (e máis veces ca ti) toda a saga de Star Wars e si... tamén renegou, de forma belixerante (pois non hai outra forma), das precuelas, pero para ser un verdadeiro friki con pedigree terías que ter mirado o primeiro spin-off que se fixo, moito antes de Rogue One. E se fora no cinema pois xa terías permiso para mirar por riba do ombreiro a toda a parroquia...

2. O SEÑOR DOS ANEIS (1978, Ralph Bakshi). Si, xa sabemos que sabes de memoria a triloxía de Peter Jackson e que tela en versión estendida e fixo que a miraches de corrido nun só día cando vivías na casa dos teus pais e apenas saías da habitación. Tamén sabemos que renegas d’O Hobbit da mesma forma que renegas das precuelas de Star Wars pero... miraches a versión de debuxos animados de Ralph Bakshi? Se non igual non mereces o alcume de friki...

3. STAR TREK IV. MISIÓN: SALVAR A TERRA (1986, Leonard Nimoy). Ser de Star Trek ou Star Wars é algo xa superado para todo friki que se prece de selo: molan ambas. E punto. Está moi difundida a idea de que 'A ira de Khan' é a mellor da saga, mais ti sabes ben que a de 'Misión: Salvar a Terra' é moito máis divertida.

 4. MEET THE FEEBLES (1989, Peter Jackson). Seguro que coñeces de sobra os inicios gore de Peter Jackson e que ata gardas 'Braindead' en VHS como ouro en pano mais, miraches esta xenialidade musical porno-gore feito con monicreques? Brutal.

5. AS AVENTURAS DE FORD FARLAINE (1990, Renny Harlin). Ford Farlaine, o detective rockanroleiro que xura en hebreo contra a MTV e que resolve os casos de grelo. Parvada policiaca monumental da man de Renny Harlin pouco antes do seu ascenso ao olimpo hollywoodiense ('Máximo risco') e caída aos infernos ('A illa das cabezas cortadas'). Son as risas.

6. THIS IS SPINAL TAP (1984, Rob Reiner). Falsos documentais hai moitos, pero antes de se poñer de moda veu Rob Reiner e fixo esta xenialidade irrepetíbel arredor dunha banda de heavy metal. Hai que poñela en nivel 11.

7. O QUE FACEMOS NAS SOMBRAS (2014, Jemaine Clement e Taika Waititi). Outro falso documental directamente recomendado para ti, que sabemos que deveces polo xénero de vampiros até o punto de que miras ás agachadas a saga 'Crepúsculo'. Esta neocelandesa é un verdadeiro esmendrelle.

8. A FUGA DE LOGAN (1976, Michael Anderson). O máis seguro é que 'Fahranheit 451', 'Brazil' e '1984' son as túas distopías favoritas, pero que me dis desta con Michael York na que todos morren ao cumprir os 30 anos? Xenialidade kitsch que non poderás esquecer.

9. HIDDEN/OCULTO (1987, Jack Sholder). As posesións extraterrestres (ou de calquera outro tipo) é outro subxénero polo que deveces. Esta saíu moito antes que 'Species', 'Dark Angel' ou 'Fallen'. Moi útil para presumir de criterio cinéfilo.

10. STALKER (1979, Andrei Tarkovsky). E se falamos de criterio cinéfilo non podemos obviar a Tarkovsky. Calquera filme do xenio ruso valería para o caso, pero esta mestura de ciencia ficción e existencialismo é decididamente indicada para ti. Poderás recoñecer planos plaxiados até a saciedade por cineastas de toda clase e condición. Con esta acadas a excelencia friki.

11. A ARCA RUSA (2002, Aleksandr Sokurov). Un único plano secuencia de 90 minutos a través das 33 habitacións do Hermitage de San Petesburgo. Se fuches capaz de mirala no cinema sen botar unha cabezada xa tes tema de conversación gañado ante calquera outra fazaña cinéfila.

12. A ZONA MORTA (1983, David Cronenberg). Adaptacións de Stephen King hai moitas... Unha das menos coñecidas é esta dirixida con man de ferro por David Cronenberg e máis co inquietante careto de Christopher Walken cando facía de bo. Tras mirala quererás ler o libro, e viceversa.

13. THE MAN FROM EARTH (2007, Richard Schenkman). Ciencia ficción existencialista dentro dunha habitación. Non hai efectos especiais, non hai flash-backs, non hai apenas cambio de escenario, só falan. Marabilla que debes mirar antes de que estreen a secuela (este ano) se non aturas quedar fóra das conversas intelixentes.

14. DARK CITY (1998, Alex Proyas). Sabemos tamén que che encanta 'Matrix', e tamén que renegas das secuelas, pero tras mirar esta renegarás tamén de 'Matrix' por ser precedente e ser practicamente o mesmo concepto. E xa se sabe que o concepto é o concepto.

15. DUNE (1984, David Lynch). Lynch renegou sempre desta space opera baseada na obra de Frank Herbert. Prestaría moito que estivera dirixida por Alejandro Jodorowsky con Mick Jagger, Orson Welles e deseños de H.R. Giger e Moebius, como se pensou inicialmente... pero ti flipas igual coa de Lynch. E como pode ser así? Pois porque “el é o Kiwastz Haderach”. 

16. GOLPE NA PEQUENA CHINA (1986, John Carpenter). É desas que cando a poñen na tele quedas a vela case sen pestanexar. Se a metes nun programa triplo con 1997: 'Rescate en Nova Iorque' e '2013: Rescate en L.A.' xa che queda unha xornada temática ben apañada. 

17. CYBORG (1989, Albert Pyum) Hai tempo que non miras ningunha de Van Damme pero antes papábalas todas. Que tal esta mestura de 'Mad Max' e 'Soldado Universal'? Mítica.

18. OPERACIÓN DRAGÓN (1973, Robert Clouse). Ao rei o que é do rei. Antes de Van Damme estivo Bruce Lee. A súa última antes de morrer de maneira tráxica é a mellor con diferenza, aínda que valería calquera outra para unha xornada de “hostias chinescas”. Quedarás xenial se a completas coas que loita contra Chuck Norris ('O furor do dragón') e Kareem Abdul-Jabbar ('Xogo coa morte').

19. WAYNE’S WORLD (1992, Penelope Spheeris). Sabes os diálogos de memoria, as cancións e imitas á perfección os xestos de Garth, pero nunca conseguiches que os teus colegas accederan a facer (ben) a escena do Bohemian Rhapsody dentro dun coche. Sempre hai algún que se rila ou que canta todas as partes de canción. Pois xa vai sendo hora de facer o teu soño realidade.

20. IT FOLLOWS (2014, David Robert Mitchell). Aparte de facer a brincadeira fácil co título (nunca crecerás), tamén vai sendo hora que mires dunha vez esta obra mestra do cinema de terror moderno. Se o fas con quen che mola moito mellor, xa verás que risas.

21. OS GOONIES (1985, Richard Donner). Evidentemente tiña que figurar no listado, pero nunca poderás presumir de friki de categoría se non coñeces á perfección o monólogo de Gordi: “Que o conte todo? Todo?” Ala, a practicar.

22. A FAMILIA STUPID (1996, John Landis). Sorprendente filme polo que ninguén dá un peso pero desde aquí reivindico como unha das comedias máis frikis do século XX. Para aprender a canción de “eu son o meu propio avó” e quedarse coa peña. Serás a alma das festas.

23. OS CABALEIROS DA MESA CADRADA (1975, Terry Gilliam e Terry Jones). Por suposto tampouco poderían faltar os Monty Python neste listado e esta é unha das máis tolas, que xa é dicir... “Cal é a túa cor favorita?” / “Azul... non vermella! Aaaah!”. Pouco máis que engadir.

24. AKIRA (1988, Katsuhiro Ôtomo) Obra cumio do cyberpunk e anime de cabeceira para todo friki que se prece, aínda que moitos e moitas recoñecen (en círculos reducidos) que non a entenden de todo. Esta é unha boa ocasión de tratar entendela.

25. BATTLE ROYALE (2000, Kinji Fukasaku). Moito antes de ’Os xogos da fame' estivo esta distopía nipona de varios colexiais condenados a matarse nunha illa. Un Takeshi Kitano cheo de tics é o responsábel. Para calar a boca aos seareiros de Katniss Everdeen.

26. I AM A HERO (2015, Shinsuke Sato) Sabemos que che gusta o manga, alucinas co cinema oriental e deveces polo xénero zombi, así que este é definitivamente un dos teus novos filmes de cabeceira. Crítica de cinema no “Fora de Serie” do Sermos Galiza nº 246.