"Sería moi bon que as nenas e os nenos do país soubesen da existencia de Sermos"

Rocío da Igrexa Prego traballa en Cerceda como asesora laboral e fiscal. É asinante de Sermos Galiza.

P1100811

Rocío da Igrexa Prego naceu en Hildesheim, na baixa Saxonia, unha cidade fundada como sede episcopal católica en 815 e cuxo primeiro bispo tiña nome con resonancias pondalianas: Gunthar.

Que é o que queda de Hildesheim en Rocío da Igrexa? 

Mentiría se dixese que algo, máis con dous anos miña nai e meu pai deixáronme con miña avoa materna para que ela coidase de min, como xa estaba facendo cos meus catro irmáns maiores, polo que de Hildesheim e de Alemaña en min queda o agradecemento por terlles dado a miña nai e a meu pai a  oportunidade de obter o sustento co que ter unha familia numerosa e inmensamente feliz cando voltaban nas vacacións.

Hoxe milleiros de mozas e mozos galegos toman de novo o camiño da emigración. Non hai outro remedio ou estanse a adoptar políticas de emprego submisas coas potencias europeas?

Para as persoas que coma min vivimos o drama da emigración en primeira persoa, é terríbel observar como desde os gobernos central e da Xunta, non se fai outra cousa para intentar evitar este desafiuzamento colectivo que o de facilitarlles a saída a toda a mocidade do país, non pode ser que como solución para saírmos desta situación o único que se aporte sexan convenios con outros gobernos para que teñan unha entrada máis doada, non podemos seguir exportando unha xeración na que tanto se ten esforzado todo o país en darlles a mellor formación sen apostar decididamente en procurarlles un futuro e un traballo digno nesta terra.

Vostede traballa como asesora laboral. É este un bon traballo para un período en que a máis habitual política de emprego é xustamente o desemprego?

O bo de traballar nunha vila do rural como é Cerceda é que o traballo non é especializado, aínda que a miña formación é a de graduada social, no meu día a día intento darlle todos os servizos que as persoas demandan relacionados coas diferentes Administracións, polo que o aspecto laboral é un máis dos que fago, mais o que si teño comprobado é que as medidas que se ofertan como estrelas para paliar o desemprego non satisfán as necesidades que ten a sociedade, mais todo o contrario, o que se promoven son medidas para facilitar os despedimentos co custe social que iso ten.

Sermos Galiza é unha empresa con case mil accionistas. Que razóns daría, desde a súa asesoría, a un veciño ou a unha veciña de Cerceda para se facer accionista de Sermos Galiza.

As razóns que lle daría como cidadá a calquera persoa, que é preciso para o país ter medios de comunicación escritos na nosa lingua e feitos no noso país, de aí que me pareza imprescindíbel para o país a existencia dun medio como Sermos.

Como subscritora, como valora o proxecto Sermos Galiza?

Como moi positivo e moi necesario para normalizar o uso do galego nos medios de comunicación e tamén como unha ferramenta imprescindíbel para mostrar esa parte do que acontece no día a día e que non ten reflexo en ningún outro medio.

"Sería interesante darlle unha volta á cuestión do prezo [do semanario] e tamén á, creo, necesidade de mostrar máis pluralidade nas opinións"

E como galega, que opinión lle merece?

A opinión é a mesma, considero imprescindíbel para a nosa existencia como pobo a existencia de medios de comunicación en galego, tratando as cuestións galegas e as de calquera parte do mundo desde a nosa visión de cidadás universais.

Que bota en falta no semanario, ou que pensa que sobra?

As veces boto en falta máis diversidade nas cuestións plantexadas, máis puntos de vista que nos amosen a realidade do país desde outras posicións, así como novas máis curtas e que nos dean unha visión de cuestións que pasan por Galiza adiante e das que as persoas que vivimos noutros extremos non nos enteiramos.

Sermos Galiza é un medio que precisa ser máis coñecido. Que medidas se lle ocorren para esa popularización necesaria?

Penso que por un lado hai que tratar a cuestión do presente, do hoxe, no que penso que sería interesante darlle unha volta á cuestión do prezo e tamén á, creo, necesidade de mostrar máis pluralidade nas opinións. Para o futuro creo que sería moi bo empezar xa hoxe a traballar coas nenas e nenos do país, que saiban da existencia do Sermos e mesmo tentar facilitarlles a elaboración de algunha sección para que se sintan parte da comunidade Sermos de cara ao futuro.

Finalmente, que nova lle gustaría ver na portada de Sermos Galiza?

Gustaríame espertar un día coa nova de que as mulleres e homes de Galiza orgullosas e emocionadas encheron as rúas celebrando a escolla da primeira presidenta para a república Galega, onde se manifesta a igualdade desta sociedade que ten apostado por un goberno que ademais de levar como bandeira a igualdade, a diversidade e o ecoloxismo, practica co exemplo no día a día en cada un destes campos.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios