MATÍAS R. DA TORRE, COORDENADOR DO A FONDO

"Ramón de Valenzuela contrasta co que supón Filgueira Valverde"

Valenzuela loitou contra o fascismo en dúas guerras, mais a súa memoria permanece ignorada mesmo no centenario do seu nacemento. Dedicamos o Fondo desta semana a divulgarmos a súa figura.

Todo un síntoma dos camiños interesados na construción do noso pasado. Neste 2014 no que se lle decide dedicar o Día das Letras a unha persoa medrada ao calor do réxime franquista, fixéronse tamén cen anos do nacemento de Ramón de Valenzuela. Militante do Partido Galeguista, comunista, o primeiro en novelar o relato da represión e da guerra é tamén, e non por casualidade, un gran descoñecido para o país.

-Por que é necesario recuperar, neste momento, a memoria de Ramón de Valenzuela?

-Valenzuela segue a ser un gran descoñecido da literatura galega, ao igual que o é o seu pensamento. Por unha banda, é recuperar a memoria de persoas que pertenceron a unha xeración de preguerra lúcida, coutada polo franquismo, esquecida, o que se contrapón ao que se está a promover agora mesmo dende o goberno da Xunta e cunhas Letras Galegas dedicadas a Filgueira Valverde. Por outra banda, Valenzuela ten un especial valor literario que segue a ser pouco difundido.

-Ramón de Valenzuela loitou contra o fascismo en dúas guerras, viviu o exilio, contou cunha comprometida traxectoria política dende o galeguismo e o comunismo, e cunha obra literaria meritoria. Como se entende que o centenario do seu nacemento pase desapercibido?

"É recuperar a memoria de persoas que pertenceron a unha xeración de preguerra lúcida, coutada polo franquismo, esquecida, o que se contrapón cunhas Letras Galegas dedicadas a Filgueira Valverde"

-Ao pertencer a esa xeración comprometida co país, ideoloxicamente situada nunha esquerda marcada, non foi nunca prato de bo gusto para as seccións conservadoras. Por outra banda, Valenzuela é un galeguista histórico, mais tamén se afianza no comunismo e xa sabemos o tratamento que se lle deu a estes autores. E logo, pode ser que haxa unha fase de descoñecemento e ignorancia na lectura das súas novelas. Foi considerado case un autor menor. A Valenzuela, o recoñecemento aínda está por chegarlle. Houbo tentativas e moitas sobre todo na súa terra e na súa comarca, pero está pendente darlle un carácter nacional.

Do valor literario

-Valenzuela apenas é mencionado nos manuais de literatura galega. Este A Fondo incide no seu valor literario…

-Non agardei por ninguén é, de feito, a primeira novela en tratar a temática da represión e da guerra, con continuación nunha segunda novela. Tamén se caracterizu por un gran labor de divulgación teatral na preguerra e no exilio. Como narrador, os contos do Naranxo están á altura da grande literatura do noso país.

-Mais a súa obra apenas está difundida…

 -O que pretendemos, con este especial, é que se tome conciencia da necesidade da reedición das obras de Valenzuela, que están en estado de esgotamento, e tamén acabar por recoñecer, así mesmo, a súa literatura, non só na calidade dos seus escritos senón no seu trasfondo político. Se se analiza a súa literatura, vese que está moi ben conformada. É moi comparabel, no tratamento léxico, ao que hoxe en día sería Neira Vilas, outro autor da mesma comarca.

"Valenzuela é un galeguista histórico mais tamén se afianza no comunismo e xa sabemos o tratamento que se lle deu a estes autores."

Do político comprometido

-Este A Fondo inicide no contraste entre a figura de Valenzuela e a de Filgueira Valverde. En que aspectos é máis evidente?

-Desde un punto de vista lingúístico, tanto como docente como escritor, Valenzuela é monolingüe en lingua galega, o que mantén tanto dende o exilio en Arxentina como en Galiza, mentres que Filgueira Valverde apoiou o franquismo e se apoiou no franquismo para medrar, e por enriba pregoaba o bilingüismo harmónico. Valenzuela contrasta con esa figura que representa Filgueira, que está nos postulados máis conservadores e inmobilistas para o progreso da nosa lingua e da nosa sociedade.

-Neste A Fondo que coordinas, entrevistaches á súa viúva, Mariví Villaverde, que destaca polo seu comprometido traballo a prol da recuperación da memoria. Como reconstrúe ela a memoria de alguén que lle foi tan próximo?

-Ela ten un relato moi preclaro e vivido en primeira persoa do que foi a represión e a segunda represión unha vez que volven, nos estertores dramáticos do franquismo. Constrúe ese relato en base a experiencias vividas e compartidas con Ramón. Despois de 36 anos da morte de Valenzuela, comenta eses momentos como se os vivira agora mesmo. Segue mantendo esa vitalidade na reclamación do recoñecemento, da dignidade, de todas as persoas que foron represaliadas. Cando se suscitou a controversia polas Letras Galegas, pola contraposición de Filgueira con esta xeración á que pertencía Valenzuela, a súa indignación foi patente. Para ela, por enriba de todo están os dereitos humanos, contra os que o atentou o franquismo.

-Un dos artigos deste A Fondo abonda tamén na contraposición entre Ramon Piñeiro e Valenzuela, situados ambos os dous nos dous bloques opostos da Guerra Fría. Que nos descobre este artigo?

-Eu creo que o que intenta o autor, Xoán Carlos Garrido, é esclarecer un debate que aínda está latexante na política galega: se os galegos podemos organizármonos por nós mesmos dende unha perspectiva autocentrada e nacional ou se é conveniente conxuntarse ou apostar por forzas estatais, para saír a flote. Probabelmente se Ramón de Valenzuela non morrese aos 66 anos, o seu periplo vital tería un camiño de volta cara á ese galeguismo organizado en forma do nacionalismo. El recoñecía a Galiza como a súa nación e nunca perdeu o fío e a perspectiva diso.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios