Inés Seoane, lectora de Sermos en Londres: "A realidade para min é unha moeda sen cara, só coa cruz"

A arzuá Inés Seone, emigrada en Londres, di ler o Sermos Galiza de noite. Acredita que os xornais hexemónicos na Galiza interaccionan antes con España do que coas galegas e cos galegos.

Inies
photo_camera Inés Seoane [imaxe cedida pola entrevistada]

“Quero facerlles saber que estar fóra non é unha experiencia sinxela. É moi fermoso coñecer  lugares novos, xente nova, viaxar ... Pero o que millares de xoves estamos a facer aquí, ou en calquera punto do mundo onde nos atopemos, é sobrevivir. A cada segundo do día penso " Oxalá as cousas fosen distintas, oxalá as posibilidades que ofrece Londres as ofrecese Galiza"; a cada minuto penso "Quero voltar, boto de menos a miña familia, os meus amigos, a miña casa, a miña  xente", pero sempre me encho de carraxe e penso " voltar sería dicirlles a eles que venceron, e iso XAMÁIS". Quen isto escribe, nunha rede social, é Inés Seoane Martínez, nada en Arzúa, lectora, polas noites, de Sermos Galiza na emigración londiniense. Con ela falamos.

A piques de facermos dous anos, como valora o proxecto Sermos Galiza?
O proxecto, todo en si, é magnífico, é admirábel. Non é sinxelo chegar a toda unha nación, tan diversa como é a nosa, no propio idioma, soa case a algo “ilóxico”, pero é así. Sermos Galiza lévao intentando dende que se creou e pouco a pouco vai conseguido máis cabida no país. 

Somos o único semanario en lingua galega, como ve a realidade da lingua na imprensa deste país? 
A realidade, para min, é unha moeda sen cara, só coa cruz. Non hai posibilidade nin de elección, tan sequera. Aos xornais que máis se venden na  Galiza, e que o noso propio nome levan, interésalles máis interaccionar antes co resto do estado español que cos propios galegos e galegas, e para iso, necesítano facer na lingua de Castela. É coma os grupos de música que nacen na Galiza cantando en castelán, teñen o pensamento de que se cantan en galego non chegarán ao resto do público que non teña a mesma fala. Que un xornal coma este aposte por nós, pola nosa lingua é algo que nos honra. As barreiras e os prexuízos hai que deixalas a un lado, se os teus artigos son bos, e ti es un bo xornalista ou escritor, a xente ben o apreza. Non é cuestión do idioma.

Temos unha lingua fermosa que pode relacionarnos con máis de 240 millóns de persoas, non a aprezar e non darlle recoñecemento é soamente un acto de ignorancia

Temos unha lingua fermosa que pode relacionarnos con máis de 240 millóns de persoas no mundo, non a aprezar e valorar e non darlle o recoñecemento que se merece é soamente un acto de ignorancia. Leo Sermos todas as noites e vexo como neste último ano gañaron presenza os concellos froito de insubmisións ás políticas de Madrid, entre elas a reforma local. Mais tamén pola corrupción.  O da reforma local foi un verdadeiro ataque á autonomía local, non fixo máis que empeorar a situación. Pero que algo así ía pasar estaba claro cando as persoas que están gobernando só miran pola súa ambición de poder e non polo pobo, que foi ao que se comprometeron no seu día. Para eles, cantas máis competencias xiren baixo o seu brazo, mellor e canto menos poidamos decidir os cidadáns de a pé, dúas veces mellor. O da corrupción é un caso que xa non ten nome. Obvio, roubar como roubaron a todas as persoas que contribuímos ao Estado español, é vergoñento, mais é peor, considero, cando se está xogando coa vida das persoas, iso ten unha transcendencia incalculable. Xa non foi só corrupción, o atentado social que houbo ao emprego, é unha verdadeira infamia e por desgraza, custaranos moito saír desta penumbra, e máis, se seguen as mesmas persoas, e as mesmas políticas,  que nos levaron a ela, no poder. 

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios