Un A Fondo sobre mocidade e país

As principais problemáticas que lle afectan á mocidade galega: o paro, a elitización do ensino, a tripla discriminación que sofren as mozas galegas, a emigración e o abandono do país, en especial do rural. Xa á venda na nosa loxa. 

Máis de 100.000 moz@s abandonaron Galiza dende que Feijóo chegou á Xunta. O dato é destacado, no artigo introdutorio, por Alberte Mera, coordenador deste A Fondo e secretario xeral de Galiza Nova. "Mentres a Galiza fica sen mocidade, a Xunta lanza cortinas de fume como o Plano de Emprego Xuvenil, que afonda na precarización e na temporalidade", afirma. Incide Mera na necesidade de conquistar o dereito a decidir, "porque é principal decidirmos sobre as políticas a aplicar que Galiza precisa para poder vivirmos na nosa terra".

O suplemento de análise detense nas consecuencias da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, en especial, a elitización do ensino, así como nos problemas organizativos da súa posta en funcionamento. "O conxunto de políticas neoliberais está deixando cada vez a máis mozas sen poder acceder á universidade", expón Brais fortes, estudante de enxeñería industrial e responsábel de Universidade dos Comités.

"O A Fondo incide na realidade do desemprego, a precariedade ou os recortes das políticas públicas de dependencia cando afectada é muller"

O machismo nas políticas

A avogada Alba María Feixóo fai unha detallada exposición dos datos que desvelan as desigualdades que afectan ás mozas no noso país: como mulleres, por seren novas, e por viviren nun país sen soberanía, subordinado no político. "A fenda salarial aumentou até niveis próximos aos do ano 1995 sendo o salario das mulleres o 25% do dos homes" incide nun artigo no que desvela como lles afectan de maneira específica ás mulleres o desemprego, a precariedade,  ou os recortes nas políticas públicas destinadas á dependencia.

Rubén Arroxo, arquitecto técnico e habitante dunha parroquia lucense, abonda no abandono do rural por parte da mocidade, un problema non só para o campo senón para a economía do país. "A extinción das poboacións rurais fai que, a día de hoxe, moitos dos produtos que até o de agora produciamos nós, teñan que ser importados", observa.

A cantautora Alba María Rodríguez protagoniza a entrevista desta semana no A Fondo, unha moza de 19 anos que publicará en breve o seu primeiro disco, "Aínda", un título que fai referencia ao moito que a súa xeración ten por por contar.

Máis en COMUNIDADE SERMOS
Comentarios