Vellas novas para Quempallou

A banda galega publica novo traballo na súa liña reivindicativa. Doce anos despois seguen tan novos como o primeiro día.
Os Quempallou no seu último traballo
photo_camera Os Quempallou no seu último traballo

Se fixéramos unha listaxe de grupos comprometidos co país e os seus problemas de ben seguro que os Quempallou andarían nos primeiros postos. Musicalmente máis que maduros e coas ideas ben clariñas, agora sorprenden cunha volta máis a un tema de actualidade e que nos toca de perto: os medios de comunicación en lingua galega. “Vellas novas” son as que nos achegan neste cuarto traballo discográfico cargado de humor, retranca e un punto de revisión a actualidade. Fieis ao seu estilo de afondar na tradición musical galega, mais con arranxos, letras e novas composicións que non deixarán indiferentes a parroquia da música amante da gaita e as letras con contido. Unha ducia de bos temas, un por ano de existencia poderiamos dicir, que abre unha magnífica Foliada do Viño e remata unha aínda mellor Eu quero bailar. E para as que queiran festa non perderse os seus directos.
Xa comezaron xira e as seguintes actuacións son o 27 de abril (19:30 horas, FNAC, A Coruña), 27 de abril (22:00 horas, Cova Céltica, A Coruña), 28 de abril (22:30 horas, Sala Super 8, Ferrol), 5 de maio (Festa do Muiño de Coiro, Cangas), 14 de maio (Teatro Principal, Pontevedra) e 16 de maio (22:00 horas, Fábrica de Chocolate, Vigo). Se queredes unha previa aquí tedes un agasallo dos propios Quempallou. Que siga a festa!

Máis en Ao vivo