15 DÍAS DE CULTURA PARTICIPATIVA

Ourense prepárase para as festas

O XVII festival Derrame Rock, tres días de concertos de alto nivel, centra as festas ourensás. A música continuará con Kepa Junkera e Budiño, a homenaxe ao Zeca Afonso e as bandas locais. Ademais, cine, teatro, animación de rúa e a recuperación da figura do afiador enchen de actividade dúas intensas semanas na cidade das Burgas.

 

A Concellaría de Cultura de Ourense presentou a programación dunhas festas "marcadamente ourensás, plurais e participativas", quince días de celebración para todos os gustos. A tenente alcalde e concelleira de Cultura, Isabel Pérez, convidou @s veciñ@s da cidade a participar dun programa “para todos os públicos e idades”: a música e a grande protagonista dunha cita en que non faltan teatro, deportes, actividades infantís e animación de rúa, un mercado medieval, casetas gastronómicas ou as atraccións e barracas na Alameda para @s pequen@s.

Recuperación da figura do afiador

Este xoves 21 xa hai actividades (Tony Lomba, Manuel Manquiña e o grupo mallorquino “La musicalité” estarán nas terrazas do CC Pontevella ás dez), mais as festas arrincan oficialmente o luns 25 co Pregón, dedicado este ano á figura do afiador; nunha homenaxe ao traballo e vida destes profesionais “que levaron a imaxe de Ourense polo mundo adiante”. Ademais das actuacións do Mago Teto e Volta de Dálle, e a música do Sonoro Maxín, Armando Álvarez, afiador natural de Castro Caldelas, e protagonista do documental A última viaxe do Afiador, de Aitor Rei, será o pregoeiro. As festas abren así coa reivindicación dunha figura senlleira na historia da cidade e unha aposta pola produción audiovisual “feita en Ourense e sobre Ourense”.

XVII Derrame Rock

A fin de semana que vén, 28, 29 e 30 de xuño, ten lugar o evento central: o Derrame Rock, na súa XVII edición, leva a Ourense grupos coma Sepultura, Enemigos, Rosendo, Loquillo, Hamlet, Reincidentes... E os galegos Herdeiros da Crus, Zënzar, Novedades Carminha, Los Suaves ou Machina. O Derrame atrae público de todo o Estado, convertido xa nun evento de referencia no rock, que contribúe a espallar o nome de Ourense e atrae “cifras excelentes” de público, segundo a concelleira. Sinalou que a mellora da localización que supón “o traslado a Oira”, e a ampliación de programación á propia cidade, contribuirán a “superar marcas”.

E haberá moita máis música: o VII Certame Internacional de Coros “De Ruada”, este venres; o concerto Terra da Fraternidade, de homenaxe ao Zeca Afonso, que xuntará a Uxía Senlle, Xurxo Souto, Najla Shami e moit@s máis artistas, o vindeiro martes na Praza Maior;

Pérez estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Fernando Varela, en representación da actividade deportiva que arrinca este sábado co V Campionato de Futbolín Cidade de Ourense, e que seguirá coa III Carreira Nocturna das Festas (día 30), o Torneo de Chave ou o XLIV Descenso do Miño en Piragua (día 23), ademais do I campionato de Poker Deportivo “Cidade de Ourense” ou o Torneo de Mus. Defendeu o traballo do seu departamento nun contexto económico difícil (conta cun orzamento de 310.000 euros, sen contar co Derrame, 40.000 menos ca o ano pasado), pero considera que é un “investimento” e non un gasto “fornecer o atractivo de Ourense para os visitantes; a oferta cultural combínase coa turística, a gastronomía, o termalismo”, e democratizar o acceso á cultura.

Máis en Ao vivo
Comentarios