Festivaleir@s, abriuse a veda!

Galiza porá o traxe de domingo máis un ano para reivindicarse a sí mesma a través da música, a lingua e as actividades culturais que representan os festivais de verán. As Revenidas, Rescate Ghaiteiro e o Festival da Chaira son tres dos moitos que atoparemos este verán enchendo de troula e cultura as comarcas do País.

Mais un estío Galiza énchese de música, tradición, xantares, xogos populares e artesanía. A pasada fin de semana comezaba en Ortigueira a tempada de festivais que fará a moit@s percorrer o país na procura da mellor música e xeira até ben rematadas as últimas raiolas de sol. A redución orzamentaria da Xunta de Galiza, que fica agora en só 180.000 euros para repartir entre todas as organizacións, non quita as gañas de festa, mais recoñecen desde as asociacións que a situación actual diminúe o consumo d@s asistentes.

Se preguntamos pola crise sistémica os catro coinciden en que “os recortes afectan a todos”, Rafa, do Festival da Chaira que vai xa pola súa sétima edición, responde cun contundente e lugués “home, claro!”, porén dunha ou doutra maneira os proxectos seguen adiante. Xabier Ferro, un dos organizadores de Rescate Ghaiteiro que terá lugar a vindeira fin de semana no concello de Touro, di que incluso lles está a axudar pois “os grupos son máis baratos”. Malia todo Galiza segue de xeira e os festivais están a facer evoluír a “festa importada e a reprodución da verbena”, di Xoán Quintáns das Revenidas, cara o propio e o tradicional. Inda que a verbena segue moi arraigada e Galiza “segue a ser un país de verbena”, di Rafa, cada vez hai máis festivais pois semella que as festas de aldea “sen orquestra boa non son festa”, apunta Xabier; “o que nós buscamos é tradición e á xente gústalle”. Así, “fai dez anos na provincia de Lugo”, conta Rafa, “o único festival que había era o de Pardiñas, pero agora hainos en todos os lados”.

@s festivaleir@s saben ben, que un festival -para alén da música, conta cunha importante compoñente cultural, ideolóxica e espírito reivindicativo”, di das Revenidas Xoán Quintáns, pois a festa serve tamén para reivindicarmos a nosa lingua e identidade como pobo. Asemade, o desenvolvemento de múltiples e variadas actividades, outórganlle a esta romaría moderna, características de seu que a diferencian dunha festa ao uso.

“Aquí podes atopar actividades durante toda a xornada, dende as once da mañá até as dez da noite”; algo que salienta Xabier, “non ten a verbena despois de saír da misa”. Torneos de billarda, xogos infantís, cantos de taberna, sardiñadas e xantares populares; gaiteir@s e feiras de artesania poñen en valor a tradición galega combinada coa música máis festivaleira e actual, feita no País. Mais as organizacións introdúcen proxectos e iniciativas novas cada edición, o Festival da Chaira amplía o seu horario por demanda popular e conta nesta ocasión cunha sesión vermouth que seguirá co tradicional torneo de billarda. Outr@s son máis cobizos@s e procuran, coma as Revenidas, ultrapasar as fronteiras. Xoán Quintáns quere converter a súa utopía en realidade e levar o festival ao Sáhara, para o que comezaron este ano habilitando unha jaima saharauí no campo da festa. A organización agarda poder cumprir o seu desexo, nun Sáhara libre.

Facede oco nas axendas e enchede vosos almanaques coas datas destes e outros festivais que asolagarán o País máis un verán de música, tradición e cultura.

Máis en Ao vivo
Comentarios