Trasladados unha muller e un menor por inhalación de monóxido de carbono nunha vivenda de Ponteareas

Unha muller e un menor tiveron que ser evacuados a un centro hospitalario con síntomas por inhalación de monóxido de carbono nunha vivenda de Ponteareas (O Condado), segundo informou o CIAE 112 Galiza. Os feitos ocorreron na madrugada desta sexta feira, sobre as 1.45 horas, cando un particular contactou con Emerxencias para alertar de que a súa cuñada e o seu sobriño estaban desmaiados nunha vivenda da rúa Cortiña Vella, por unha posíbel fuga de gas dunha estufa. O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias-061, ao GES de Ponteareas, á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil. Os efectivos desprazados ao lugar informaron de que non se trataba dunha fuga de gas senón que os afectados estiveran queimando carbón nunha lata sobre a cociña de butano e inhalaran o monóxido do fume.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
photo_camera Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)
Comentarios