O Sindicato Labrego Galego acusa o Goberno galego de non pagar as axudas da PAC

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou esta segunda feira que a Xunta da Galiza "non só non adiantou as axudas da Política Agraria Común (PAC), senón que as granxas nin sequera cobraron este mes". Neste sentido, a organización lembrou que a Xunta anunciou a mediados do mes pasado que a Galiza "ía estar entre as primeiras autonomías en pagar os anticipos das axudas da PAC e mesmo se aventurou a alardear de que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) realizaría o pagamento de 70% da axuda total no anticipo e de 90% nas axudas do saldo [por ecorréximes]", reprobou o SLG. "Chegado decembro, constatamos que, unha vez máis, asistimos á instrumentalización dos medios de comunicación por parte do Goberno galego con fins propagandísticos, á vez que dá unha falsa imaxe de apoio ao sector primario", sentenciou o sindicato agrario. Como réplica ao sindicato agrario, o Goberno galego defendeu onte que xa abonou case 44 millóns de euros en outubro e novembro en concepto de achegas da PAC. Ademais, engadiu que nesta semana vaise iniciar o pagamento doutros 96 millóns de euros máis.
Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Comentarios