Sabela: "Nada é tan importante como estar ben e en sintonía con quen es"
—Que cousas son as que che fan brillar os olliños, as que che devolven esa ilusión xenuína da que fala o título do teu último EP?
Agora mesmo o que máis me fai brillar os olliños é preparar o show novo, que é algo que me ilusiona un montón porque é unha parte do proceso que me encanta e unha volta aos temas e a traballar coa banda. É certo que hai moitos temas do EP que xa fomos tocando en directo, pero sinto que agora é como transmitir un novo concepto. Por iso tamén me fai ilusión poder contar a historia que está detrás do EP a través do directo, que é un espazo no que podes afondar máis e ter ese feedback do momento. Faime ilusión compartir todo o que vertebra o EP, todas esas cousas que temos arredor nosa, cada persoa no seu lugar ou na súa contorna, pero poñendo o foco nas cousas pequeniñas, que nos rodean e que fan o noso día máis agradábel.
—Precisamente as cancións do EP van desde o cariño polas mascotas até unha homenaxe a Maruja Mallo pasando pola recuperación de lendas. Como traballas para transformar escenas tan cotiás en cancións?
Sobre todo traballo coa emoción que me provocan esas lendas ou coa forma na que conectan coa parte emocional que podo estar vivindo nese momento. Son como un punto de ancoraxe ou de partida. As lendas, ou neste caso Maruja Mallo, ou calquera outra inspiración, son puntos de partida que me inspiran a sentir algo. O que expreso é a emoción, pero esa emoción parte dalgún lugar e conecta con algún elemento.
—En Eu espero aquí falas de que non queda naide a quen queiras chamar. Canto sentido cobra a música cando se comparte?
Para min ten dúas partes. Unha primeira de vertixe, porque ao final é algo moi íntimo, sobre todo a música que eu fago. Pero despois, unha vez que xa traspasas esa etapa, compartir dálle sentido no momento de que a xente ao escoitar a música tamén a resignifica. Eu podo facer unha canción cunha emoción e cada persoa vai conectar coa súa historia, aínda que o que sexa transversal sexa o sentimento, pero o elemento concreto co que conectas é moi diferente en cada persoa. Eu creo que ese é o sentido, que colla todos os significados que se van sumando á canción con cada persoa.
—En poucos meses levarás Bríllanche os olliños até Bruxelas no marco do Emigrason. Como agardas esa viaxe?
Súper ilusionada. Aínda que pareza que non é xogar na casa, en realidade si, porque estás rodeada de artistas incríbeis da escena musical e iso é o que máis ilusión me fai. É sacar a nosa música fóra, porque tamén se pode escoitar no resto do mundo. Creo que a parte que máis ilusión me fai é compartir con outros artistas que son tamén brillantes e dos que vou poder desfrutar.
—No videoclip de Non cho podo dar aparece a Maruxaina e o rural atravesa todo o proxecto. Canto hai de decisión consciente e canto dalgo orgánico?
De inicio sempre é orgánico. Vólvese consciente a medida que vou descubrindo cal é o vínculo que relaciona cada tema. A partir de aí, si que boto a vista atrás, conecto un tema con outro ou un sentido con outro e vexo que é realmente o que me importa e o que me move nese momento con tanta importancia que necesito expresalo. Nun primeiro momento rara vez penso, vale, vou escribir sobre isto, senón que xorde sempre da necesidade de expresar algo, e despois é cando lle atopo sentido no conxunto. Os temas son máis impulsivos, pero despois desa expresión inicial, sen ningún tipo de filtro, aí xa toca revisar que pide o tema para que transmita realmente o que quero. É un traballo de oficio, de sentarte, de insistir e de mirar desde moitas perspectivas un mesmo tema.
—Parte do teu público coñeceute en 2018 no programa Operación Triunfo. Como foron estes anos de atoparte a ti mesma como artista?
Unha montaña rusa, como a vida en xeral; houbo momentos moi diferentes e son sete anos nos que sentín cousas moi distintas, pasando tamén por ter unha exposición moi grande e unhas expectativas por parte do público das que, ao final, non me podía facer cargo. Moitas veces tiña que separarme de todo iso para poder descubrir que quería facer. Pero agora vivo un momento moi en paz, moi tranquila, facendo o que me gusta desde outro punto de vista, moito máis calmado porque xa teño o control absoluto do meu proxecto e non teño a presión de precisar que funcione ao máximo todo o tempo. Xa non preciso ese ritmo.
—Tes comentado que durante un tempo estiveches pelexada coa industria e que loitaches contra a idea do que se agardaba de ti. Como se consegue poñer o propio criterio no centro?
Creo que é algo que nos pasa a todo mundo. Mesmo na vida persoal xeramos expectativas que non sabemos se son propias ou veñen impostas polo resto da xente e descubrilo é un traballo de responsabilidade. Ter esa expectativa que non se corresponde coa túa realidade nin coas túas decisións só drena enerxía. A min iso non me motivaba a facer máis cousas, só me xeraba máis incerteza e inseguridades. Chega un punto no que dis, “isto non me vai axudar para nada”. Tampouco veño a esta vida a sufrir todo o tempo. É un traballo de pouco a pouco ir quitando esas fronteiras relacionadas coas expectativas externas, cos límites que nos imos poñendo, e quitándolle peso ás cousas. A min iso sírveme moito, que nada é tan importante, nin eu, nin a miña música. Nada é tan importante como vivir e estar ben e en sintonía con quen es.
—Na canción sobre Maruja Mallo aparece unha frase da artista que fala sobre a fugacidade da arte. Pensas niso sobre o teu propio proxecto?
A verdade é que non o penso moito, tamén polo que dicía antes, por non darlle tanta importancia. O futuro é tan incerto que non me paro demasiado a pensar nel. Iso é algo que aprendín tamén a raíz de ir a Operación Triunfo e por cousas que pasaron na miña vida persoal. Antes exploraba máis o futuro, imaxinaba máis cara onde ía. Agora fágoo por motivación e por anhelos propios, pero non desde un punto de vista que me limite.
Sabela, de perto
—Canción do EP que máis te representa?
Agora mesmo diría que a que máis me representa é A quen ignora porque ten ese punto un pouco máis arriscado na súa sonoridade, nos seus ritmos mesmo, na estrutura… pero sin perder tampouco esa parte melódica. Creo que si, que me representa.
—Algunha outra lenda ou tradición que che gustaría converter en canción?
Ui, así de primeiras… En realidade hai milleiros nas que poder escoller porque as lendas ao final saen das emocións e dos anhelos que tiña a xente e iso creo que non cambiou demasiado.
—Unha personaxe histórica á que lle escribirías unha canción?
Mmmm. Estou intentando pensar en figuras que non explorara demasiado ou nas que non afondei aínda. Un exemplo dunha personaxe na que me apetece afondar un pouco máis é na figura de María Pita.
—Un espazo onde conectes especialmente coa tua creatividade?
No rural galego, 100%. Ou sexa, é algo co que convivo sempre e realmente é algo que xeralmente me xera moitísima tranquilidade e desde esa tranquilidade nace a liberdade para pensar e facer o que de verdade queres.