Israel intenta bloquear o alto o fogo co acordo cada vez máis perto e baixo a presión de Washington

"Agora é o momento", reiteran os Estados Unidos.
Xornalista asasinado por Israel en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Xornalista asasinado por Israel en Gaza. (Foto: Saher Alghorra / Zuma Press / ContactoPhoto)

O primeiro ministro do Goberno de ultradereita de Israel, Benjamin Netanyahu, asegurou a cuarta feira ao secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, que non aceptará un acordo de alto o fogo que implique a fin da súa agresión militar ao territorio palestino de Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican de xenocidio, reportaron medios sionistas.

Todo isto cando Washington, o seu principal aliado e provedor de armas, está a premer para que acepte o cesamento de hostilidades ante o illamento internacional de Israel e a presión externa e interna polo seu apoio fechado ás accións sionistas. “Agora é o momento”, reiterou Blinken.

Pola súa parte, a organización palestina Hamás, que goberna Gaza, demandou a Exipto e Qatar, mediadores nas conversas para un alto o fogo, que clarifiquen os termos do documento, cunha definición clara que impida que Israel siga a impedir a volta da poboación do norte de Gaza á zona ou manteña tropas no enclave.

Após transcender que a proposta recollía unha "calma sostida", o xornal libanés Al Akhbar publicou o texto da última proposición entregada por Exipto a Hamás, que inclúe a paralización da agresión militar israelí nun proceso de tres fases que se estendería 124 días. Amais, Israel sacaría as súas tropas de Gaza antes do inicio da reconstrución.

Ao tempo, fontes exipcias comunicaron á axencia EFE que o documento sinala que, a cambio da liberación de máis dun centenar de persoas israelís detidas na Faixa desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro, o réxime de apartheid sionista liberará 1.290 persoas palestinas que mantén nas súas prisións.

En paralelo ao desenvolvemento do hipotético acordo, as persoas do norte de Gaza poderían volver á área e Israel tería que permitir a entrada de máis axuda humanitaria.

No tocante ao asalto a Rafah, a urbe do sur de Gaza na que se refuxiaron máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes do enclave fuxindo dos bombardeos indiscriminados e da invasión israelí, Israel segue a insistir na operación, ao que contestou o secretario xeral da ONU, António Guterres, advertindo que “suporía unha escalada insoportábel que mataría milleiros de civís” e “tería un impacto devastador nos palestinos de Gaza, con graves repercusións na Cisxordania ocupada e en toda a rexión”.

Máis de 34.500 palestinas e palestinos foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro.

Comentarios