Así soa 'Nada', de Rebeliom do Inframundo

Rebeliom do Inframundo presenta o seu novo sinxelo, Nada (Galunk Producións, 2026), que pode escoitarse xa en todas as plataformas dixitais. Nada é un tema cru e directo que funciona como declaración de intencións e derradeiro adianto do agardado novo álbum dos galegos, Orgulho, cuxa publicación está prevista para o vindeiro 26 de febreiro.

A banda define este sinxelo como "un espello da sociedade estraña que habitamos, un berro contra a superficialidade, contra o baleiro disfrazado de éxito e contra un sistema caduco que pretende normalizar a escravitude emocional e vital". Neste novo tema, Rebeliom reafirma –en palabras do propio Nervo, líder da banda– o seu "compromiso cos principios, co corazón e cos sentimentos". "Porque o banal non enche. O que enche é sentir, é amar, é respirar e vivir", sostén.

E engade: “Estamos nun momento complicado, pero xamais poderá con nós. Xa non nos importa NADA”. Máis ca unha canción, Nada é un posicionamento vital: “Non vivir escravizados nin escravizadas nunha sociedade cun sistema caduco, non renderse ante o imposto, manterse firmes no medio do ruído”.

Este novo sinxelo vén acompañado dun videoclip da man de Xaime Miranda que se estreou este domingo en YouTube.

A única parada en sala do novo Tour ‘Orgulho 2026’ de Rebeliom do Inframundo na Galiza terá lugar na Capitol de Compostela a sexta feira 8 de maio, tras o seu paso por cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid, con máis de 50% das entradas xa esgotadas a tres meses do concerto.

Comentarios