Opinión

O «outro» muro de Trump

Descoñezo a causa pola que, día si día non, as imaxes de Trump na televisión estatal española se reducen á súa proclama do muro entre Estados Unidos e México. Trump é á política como O príncipe de Maquiavelo, a plasmación do que a política é en realidade.

Se comparamos a Trump, falando do seu "muro estremeiro no sur, impenetrábel, potente, alto, poderoso, fermoso"  con Hillary Clinton falando verbo o asasinato e a sodomización de Muamar el Gadafi, Trump imprime carácter, seriedade e dramatismo ás súas palabras, porque un muro é algo dramático, para quen o constrúe e para a xente a que está destinado... mentres Hillary Clinton semella que está falando do ben que o pasou nun cruceiro, a banalidade do mal encarnada nunha muller que di defender os dereitos de certas áreas da poboación.

Hillary Clinton semella que está falando do ben que o pasou nun cruceiro, a banalidade do mal

Trump parte dunha formulación errónea. A proposta orixinal da construción debería ser «outro muro», porque xa existe un muro de centos de quilómetros entre México e Estados Unidos para «manter a chusma a raia». 

Tamén existe un muro entre as posesións españolas en África e Marrocos. Outro muro entre Israel e o territorio palestino e outro muro financiado con miles de millóns da Unión Europea e dos seus gobernos conservadores e socialdemócratas politicamente correctos que se chama Turquía.

Estes muros «nosos» son vistos cunha visión hillariana que os desdramatiza. Mentres que o «outro muro» de Trump é o muro real... o mundo real.

Benvido, Mr Trump!

Comentarios