Opinión

As limitacións do militarismo norteamericano

Desde a toma de Kabul polos talibán o pasado 15 de agosto, Afganistán está vivindo un período de transición no que abundan as incertezas. O día 31 remata o prazo para que os EEUU e demais países que participaron na invasión abandonen o país e neste tempo están a evacuar aos seus nacionais e aos afgáns que colaboraron coas tropas estranxeiras. A partir de entón os talibán farán público o seu goberno.

Todo parece indicar que o 31 de agosto consumarase a retirada definitiva de Afganistán. Os talibán non aceptan unha revisión do prazo e, malia presións tanto nos EEUU como en Europa, o presidente norteamericano Joe Biden parece aferrarse a el, alegando riscos de seguridade, o que significa que milleiros de afgáns que colaboraron coas tropas estranxeiras non serán evacuados.

Se a retirada das tropas estranxeiras desde maio foi máis ben unha desbandada, o que estamos a vivir estas últimas semanas no aeroporto de Kabul é o caos máis absoluto, con lamentábeis imaxes que ficarán gravadas nas nosas retinas para sempre.

Afganistán amosa as limitacións do militarismo norteamericano. A intervención durante 20 anos dos EEUU-OTAN en Afganistán rematou nun absoluto fracaso, o maior da historia da OTAN, malia que tanto Joe Biden como o Secretario de Estado Antony Blinken traten de negalo afirmando que o obxectivo dos EEUU cando invadiron Afganistán non era axudar a construír un estado senón facer xustiza cos responsábeis dos ataques do 11 de setembro de 2001, entendida esta como a eliminación física, non o arresto de sospeitosos para levalos ante os tribunais de xustiza, e diminuír ou eliminar a capacidade operativa de Al Qaeda no país centroasiático.

Certamente os EEUU asasinaron Bin Laden e diminuíron moito, que non eliminaron, a capacidade operativa de Al Qaeda en Afganistán, facendo que hoxe en día un ataque desde o país centroasiático sexa altamente improbábel, mais a ninguén se lle escapa que para os intereses estadounidenses era importante a construción dun estado dócil no centro de Asia, tanto para reducir a ameaza de Al Qaeda como para dotarse dun aliado nunha zona do mundo que lle permitise afrontar os desafíos que representan Irán, China e Rusia.

A intervención durante 20 anos dos EEUU-OTAN en Afganistán rematou nun absoluto fracaso, o maior da historia da OTAN

Para Joe Biden toda a responsabilidade do estrepitoso colapso político e militar en Afganistán recae na falta de liderado do goberno afgán e na falta de ganas de loitar das forzas de seguridade afgás, esquecendo que foron eles quen sostiveron un goberno títere dominado pola corrupción, quen adestraron e armaron ás forzas de seguridade afgás e quen trataron de derrotar aos talibán durante 20 anos para impedir a súa volta ao poder. Neste sentido o secretario xeral da OTAN Jens Stoltenberg introduciu un matiz ao recoñecer que as forzas armadas afgás, alomenos algunhas, combateran valentemente.

É evidente que o goberno afgán manifestou unha incapacidade insólita e as forzas de seguridade, especialmente nas zonas rurais e afastadas, mais non só, amosaron unha moral moi baixa e un descontento xeralizado co goberno de Kabul ante a corrupción imperante, a falta de pagamento dos salarios durante semanas ou meses e a falta de subministros e apoio no terreo. Por outra banda, as forzas de seguridade compostas por uns 300.000 membros, contra arredor de 75.000 combatentes talibán, amosáronse extremadamente dependentes das forzas estranxeiras e do apoio aéreo.

Outro aspecto a salientar é o monumental erro da intelixencia dos países da OTAN. Durante meses díxose que era imposíbel unha volta dos talibán ao poder, logo xa foi unha posibilidade moi improbábel, despois que podían estar en Kabul en 6 meses, en 3 meses… mais o colapso do goberno e forzas de seguridade afgás foi inaudito, antes aínda do 31 de agosto. Cando os soviéticos marcharon de Afganistán o goberno afgán sobreviviu 3 anos, mais nesta ocasión caeu en días.     

O colapso político e militar do goberno afgán é responsabilidade en último termo dos EEUU e da OTAN, quen marchan humillados de Afganistán, país onde por certo cometeron numerosas violacións dos dereitos humanos.

Comentarios