Opinión

Exipto: 10 anos sen Mubarak (I)

O 25 de xaneiro de 2011 Exipto súmase cunha manifestación multitudinaria á onda de protestas que, iniciadas en Tunisia, se expanden por todo o mundo árabe dando lugar á Primavera Árabe. O día escollido coincide coa celebración anual do “Día da Policía”, e xente de toda condición social xúntase na céntrica praza Tahrir do Cairo para protestar contra a brutalidade policial, a falta de liberdades, a corrupción, a pobreza, o desemprego, os baixos salarios, o aumento do prezo dos alimentos e a intención do Presidente Hosni Mubarak de converter ao seu fillo máis novo, Gamal, no seguinte líder do país.

A multitude esixe a renuncia de Mubarak, quen chega ao poder en 1981 tras o asasinato de Anwar Sadat, de quen fora vicepresidente desde 1975. As protestas gañan forza, axiña se expanden por todo o país, e millóns de manifestantes desafían o réxime, que reacciona cunha brutal represión que causa 850 mortes e milleiros de persoas feridas. Mais nin a represión nin as posteriores promesas de reformas conseguen aplacar as protestas, e finalmente o 11 de febreiro prodúcese a agardada dimisión do ditador, de 82 anos, tras 30 anos no poder.

O Consello Supremo das Forzas Armadas (CSFA) asume o control. No período que transcorre até o verán de 2012 aumenta o temor a que os militares tenten perpetuarse no poder, polo que as manifestacións sucédense en varias cidades (Cairo, Alexandría, Suez…) reclamando mudanzas e unha maior celeridade no desmantelamento do vello réxime, cun saldo de decenas de mortes.

Nas eleccións parlamentarias de 2012 arrasan as forzas políticas islamistas, cun claro triunfo da Alianza Democrática (44,9% dos asentos no Parlamento), unha coalición de partidos liderada polos Irmáns Musulmáns, seguida do Bloque Islamista (25%), unha coalición de partidos salafistas cunha concepción untraconservadora do islam. Así as cousas, o 70% do Parlamento fica en mans do islamismo, o que supuxo un monumental movemento na política exipcia.

O mes de xuño de 2012 ven cargado de importantes acontecementos. O 2 de xuño Mubarak é sentenciado a cadea perpetua pola matanza nos 18 días de revoltas que forzaron a súa saída do poder; o 14 de xuño o Tribunal Constitucional Supremo (formado por xuíces próximos aos militares) disolve o Parlamento; e o 24 de xuño Mohamed Morsi (Irmáns Musulmáns) é declarado vencedor nas eleccións presidenciais, converténdose no primeiro islamista elixido líder dun estado árabe.

Morsi, membro do Parlamento entre 2000 e 2005 como independente e detido varias veces por desafiar o réxime de Mubarak, convértese no quinto presidente de Exipto e no primeiro elixido democraticamente. Mais a loita entre os militares e os Irmáns Musulmáns (prohibidos na época de Mubarak) estaba lonxe de rematar. 

Ao pouco de tomar posesión do cargo, un ataque na rexión do Sinaí deixa 16 soldados mortos e Morsi forza a renuncia de varios oficiais, incluído o presidente do CSFA Mohamed Hussein Tantawi, quen é substituído por Abdel Fattah el-Sisi, que se convirte no novo Ministro de Defensa e Comandante en xefe do Exército de Exipto. 

O goberno de Morsi aplica unha política de claro corte islamista que provoca moito malestar nos sectores seculares e no estamento militar, adopta controvertidas decisións políticas e impulsa trocos importantes na política exterior de Exipto, que incomoda moito ao status quo: estreito aliado de Qatar e de Hamas (Palestina), reforza a relación con Irán, firme defensor da oposición siria e fortemente oposto á ocupación israelí de Palestina e ao papel de Israel na rexión. Amais, unha débil economía e a resistencia da vella garda de Mubarak socavan a súa autoridade, polo que apenas dura un ano no cargo.

O 28 de xuño de 2013 prodúcese unha multitudinaria manifestación na praza Tahrir do Cairo esixindo a dimisión de Morsi e o 3 de xullo é desaloxado do poder, e encarcerado, mediante un golpe de estado liderado polo Ministro de Defensa, o xeneral el-Sisi. 

Comentarios